A aventura chinesa do preparador físico pontevedrés Adrián Paz
Por Diego Espiño
Adrián Paz Franco converteuse nos últimos anos nun auténtico buscavidas do deporte. Entre as dificultades de traballar na casa en boas condicións na que é a súa paixón, a preparación física, e o atractivo de coñecer novos países e culturas, este pontevedrés decidiu no seu momento emigrar para gañar a vida.
Tras formar parte do entón Autos Lobelle de Santiago pasou pola Selección de Vietnam de fútbol sala ou o Al Wahda dos Emiratos Arabes.
Agora emprendeu unha nova aventura con outro drástico cambio, facendo as maletas e viaxando a China para asinar polo actual campión de liga de fútbol sala do país asiático, o Dalian Yuan Dynasty.
Alí recibírono cos brazos abertos dende o primeiro día, cunhas instalacións de traballo enviadiables para a maioría de entidades deportivos. Por algo como actuais campións de liga xogarán a Champions League Asiática de Clubs.
"As instalacións, asi como a predisposicion dos xogadores son as mellores, isto facilita moito o noso labor no corpo tecnico", comenta Adrián tras finalizar a pretempada co seu novo equipo.
Nestes momentos o Dalian Yuan Dynasty prepara a Copa de China, que se disputará entre o 21 e 27 de agosto abrindo a tempada oficial, e faino sabendo que é o rival a bater: "Tras romper o dominio do Shenzsen como Campeon de Liga nas ultimas tempadas, decatámonos que os demas equipos nos analizan profundamente para tratar de obter un resultado positivo no noso enfrontamento directo, cousa que antes non sucedia", analiza o pontevedrés.
Polo de pronto, nunha liga que se encontra en pleno crecemento como o resto do deporte chinés, Adrián recoñécese satisfeito con ser parte dun club no que "as aspiracións son máximas".
Un novo reto que engadir á lista deste novo preparador físico ao que aínda lle resta unha longa carreira por diante.