Unha mala arbitraxe axuda ao Seis do Nadal a desfacerse (26-25) do Cisne
Por Redacción
Non puido exercer o Cisne de xuíz para decidir que equipo ha de acompañarlle na fase de ascenso e caeu derrotado pola mínima na súa visita ao Seis do Nadal Coia, deixando ao conxunto vigués cunha mínima opción de desbancar ao Atlético Novás do segundo posto, aínda que para iso deba gañar na última xornada ao BM Cañiza e esperar que os de Modesto Augusto saian derrotados de Bueu.
A actuación arbitral foi clave na vitoria do equipo vigués, penalizando un Cisne ao que non se perdoaba nada en defensa, mentres na área contraria as sancións disciplinarias non eran aplicadas, como o proban as oito exclusións sufridas polo equipo pontevedrés, por só unha do local.
ÿ a terceira derrota ligueira do Cisne, a segunda por un só gol de diferenza. Os de Edín Covelo afrontaron o partido como unha excelente preparación para o que se lles vén enriba, e a punto estiveron de obter un resultado positivo, nun partido marcado pola igualdade no marcador e que non se resolveu ata o final, cando outra exclusión, neste caso de Bruno Montesinos, no último minuto acabou coas esperanzas dos visitantes.
Alternativas no luminoso, con igualadas constantes e vantaxes mínimas para un e outro equipo que nunca superaron os dous goles, precisamente ata os últimos 10 minutos. Gañou o único que o necesitaba, se ben o resultado estivo seriamente condicionado pola caseira actuación arbitral.
MAGOPE SEIS DO NADAL COIA (26): Pablo Chantada, Tizón; Abraham (3), David Costa (2), Denís (2), Pablo García (2), Germán Iglesias (1), Pedro Iglesias (1), Leirós (2), Iván López (1), Alexandre López (2), Novoa, Rial (4), Marcos Treinta (1), Artur Costa e Freijeiro (5).
BM CISNE (25): Pablo Galán, Santiago Cuenca, Toño Lafuente; Iván Abilleira (3), Pepe Camiña (2), Álex Chan (6), Edu Covelo, Rafa Dasilva (2), Bruno Montesinos (2), Pablo Picallo (1), Carlos Rodríguez, Andrés Sánchez (3), Miguel Simón, Javi Vázquez (4) e Pablo Vidal (2).
Árbitros: Áxel Riloba Pereda e Alejandro Hoz Fernández (Cantabria). Excluíron dous minutos a Leirós, polos locais, e a Iván Abilleira, Álex Chan, Rafa Dasilva (2), Bruno Montesinos, Carlos Rodríguez, Miguel Simón e Pablo Vidal, polo Cisne.
Marcador (cada cinco minutos): 4-3, 5-6, 8-8, 9-9, 12-11, 15-14 (descanso), 15-15, 19-17, 19-19, 21-21, 24-23 e 26-25 (final).
Incidencias: Pavillón Municipal de Coia (Vigo). Uns 250 espectadores.
Relacionadas:
-
O Cisne publica o prezo de abonos e entradas para a fase de ascenso
Por Redacción |
-
O Cisne xogarase o ascenso a División de Honra Prata na casa
Por Diego Espiño |
-
O Cisne reláxase pensando no play-off e déixase soprender (27-29) polo Luceros
Por Redacción |
-
Campións! O Cisne sentencia a liga regular ao impoñerse con comodidade (34-22) ao BM Ártabro
Por Ramiro Espiño |
-
Xornada de portas abertas ante o Ártabro para empurrar o Cisne a fase de ascenso
Por Redacción |