Quenta motores a primeira 'Pontevedra 4 Picos Bike & Trail', unha proba "para toda la ciudad"
Por Diego Espiño
Tras meses de duro traballo a 'Pontevedra 4 Picos Bike & Trail' está lista para debutar no calendario deportivo da cidade.
Farao este domingo 19 de abril con 1.400 deportistas inscritos que cubriron as prazas máximas habilitadas. De feito as solicitudes superaron en "400 o 500" esta cifra, confirma Víctor Cimadevila.
Como responsable do club A Roda do Demo e a empresa organizadora, Global DxT, Cimadevila revela a complexidade de coordinar efectivos para a seguridade de 120 quilómetros de ruta BTT na súa versión longa por diferentes municipios (Pontevedra, Marín, Vilaboa, Ponte Caldelas, Campo Lameiro, Barro e Poio) e ascensións a Castiñeiras, A Fracha, Pontillón do Castro e A Escusa.
Para garantir a seguridade o domingo estarán mobilizados 73 voluntarios das agrupacións de Protección Civil de Marín, Vilaboa, Poio e Pontevedra e Cruz Vermella achegará tres ambulancias, médicos e socorristas, ao que hai que engadir os membros da organización que seguirán a proba en 25 vehículos entre quads e motos para "cuidar la seguirdad, porque son muchos cruces y vías".
Os tramos que discorrerán por estrada farano sen cortarse o tráfico rodado, polo que se pide precaución a participantes e condutores nun percorrido que foi revisado e marcado nas últimas horas a través de fitas que posteriormente serán retiradas.
O epicentro da proba será a rúa Enxeñeiro Rafael Areses, lugar dende o que se dará a saída das probas ciclistas (60 e 120 quilómetros) ás 8:30 horas e o Trail (15 e 30 quilómetros) ás 10:30 horas.
A maioría dos deportistas inscribíronse nas variantes de BTT, con 1.180 participantes, mentres no Trail participarán 220 persoas.
Cimadevila quixo incidir tamén en que a '4 Picos Bike & Trail' nace pensada "no sólo para los deportistas sino para toda la ciudad", polo que as actividades, no ámbito de Rafael Areses, se completarán con 16 expositores de profesionais do sector, clases de spinning gratuítas ou actividades infantís, entre outras.
Todo coa intención de conseguir que este novo evento se consolide na cidade para "convertirlo en una prueba de ámbito nacional".
Relacionadas:
-
A '4 Picos Bike & Trail' terá segunda edición en 2016 e márcase como obxectivo dobrar a participación
Por Diego Espiño |
-
A 'Pontevedra 4 Picos Bike & Trail' estréase ao grande
Por Diego Torrado |
-
Éxito de inscrición na primeira edición da Pontevedra 4 Picos Bike & Trail
Por Diego Espiño |
-
Pontevedra aposta polo BTT cun calendario anual de catro probas
Por Diego Espiño |
-
Nace unha nova proba deportiva na cidade: a Pontevedra 4 Picos Bike & Trail
Por Diego Espiño |