O Teucro presenta as seis caras novas do equipo para esta tempada
Por Ramiro Espiño
Seis incorporacións presenta a SD Teucro no seu equipo para afrontar o campionato ligueiro da División de Honra B que comeza este sábado cun auténtico óso para os teucristas como é o FC Barcelona B. Miguel Sío, extremo dereito, procedente do Cisne, Francesc Asensio "Siscu", xogador formado precisamente na canteira barcelonista, que procede do Pozoblanco e que ocupa a posición de lateral esquerdo, Aarón Vidal, pivote, formado no Rasoeiro do Grove e que chega dende o xuvenil teucrista, Juan Manuel Bar, porteiro arxentino que procede do equipo italiano do Bolonia, César Armán, procedente do Novás e que pode xogar indistintamente como central ou como extremo esquerdo e Didac Villar, central que a pasada tempada actuou no Pozoblanco.
As seis caras novas do equipo azul foron presentadas no pavillón municipal dos deportes polo presidente do Teucro, Carlos García Alén, quen destacou que: "as circunstancias económicas condicionáronnos, obrigándonos a facer un equipo moi novo e completalo con xuvenís da nosa propia canteira. Queremos darlle as grazas a todos eles por vir e confiar en nós. Sei que o van dar todo polo club".
Por parte dos xogadores, que foron presentándose un a un, destacar unha circunstancia común, como é o feito de que non lles preocupa o complicado comezo ligueiro. Así, o porteiro Juan Bar, sobre cuxas costas recaerá a responsabilidade de dar seguridade ao equipo, non ten dúbidas: "Coñezo a todos os xogadores arxentinos que xogan en España e por eles sei que o Teucro é un equipo con moito talento. Quizais nos falte experiencia, pero suplirémolo con pouta e ilusión. Gústame empezar forte, co Barcelona. Dende logo non imos derrotados".
Do mesmo parecer era o central Didac: "O comezo é difícil, Barcelona, Gijón, pero mellor agora que estarán menos rodados e lles podemos dar un susto".
Con respecto á viaxe que lles espera para comezar a liga, non lles preocupa pasar máis de 24 horas sen durmir. Prefíreno antes que botar 14 horas en autobús para chegar, como sinalaba Siscu, o catalán que volverá enfrontarse a algún dos que foron os seus compañeiros e aínda permanecen na disciplina blaugrana.