O Teucro resolve na segunda parte (26-34) ante BM La Roca, ampliando distancia co Go Fit
Por Redacción
Sufriu na primeira parte, pero resolveu con autoridade na segunda. O Teucro deu un paso de xigante facía o título e o ascenso, ao vencer ao BM La Roca a domicilio e aproveitarse do empate que se produciu entre o seu inmediato perseguidor, e practicamente único rival que podería inquietarlle, o Go Fit, co Alcobendas. Os azuis amplían a súa vantaxe á fronte da táboa a sete puntos, cando restan unicamente sete partidos (catorce puntos) por disputar.
A primeira parte estivo marcada polos altibaixos no xogo de ambos os dous equipos. Os locais tomaron a dianteira de saída, poñéndose cun 3-0 favorable que facía presaxiar máis dificultades das previstas para o Teucro.
O primeiro golpe de autoridade visitante veu cun parcial de 1-6, que lle permitiu pasar do 6-4 ao 7-10, obrigando o técnico local a pedir un oportuno tempo morto.
Ese parón produciu o efecto desexado e os cataláns reaccionaron para case devolver o parcial anterior, anotando un 5-1, para volver poñerse arriba (13-12) e chegar ao descanso con igualdade absoluta.
A volta de vestiarios ofreceu a un Teucro que deixou ben claro que non quería sorpresas. En só oito minutos os pontevedreses marchan con catro goles de renda (17-21), que obriga novamente o equipo catalán a pedir tempo morto.
Pero esta vez xa non foi o mesmo, Aínda que lograron parcialmente o seu obxectivo, poñéndose a só dous goles por debaixo, BM La Roca chegara ao seu límite e nin a exclusión de Carlos García freou xa a un Teucro que puxera velocidade de cruceiro e cun novo parcial demoledor de 0-6 puxo o marcador nun contundente 20-28 (minuto 50) para sentenciar o partido.
Os azuis ampliarían a renda, conseguindo unha máxima vantaxe de oito goles. Aínda así, o conxunto catalán non se rendeu e seguiu loitando ata o final, volvendo reducir lixeiramente a súa desvantaxe para poñerse a cinco goles (24-29) a falta de algo menos de cinco minutos. Quique Domínguez preferiu evitar calquera problema. Pediu tempo morto para romper o ritmo ao contrario e Dani Hernández, con dous goles consecutivos, rematou coas esperanzas locais, certificando a vitoria teucrista.
BM LA ROCA (26): Pau Puget; Catafal (1), Jordi Deumal (3), Roger Estapé, Marc García (3), Pere Gesa, Álvaro López (1), Sergio Luque, Mario Martínez, Lluis Montserrat (1), Josep Morales (4), Pau Pérez (3), Roger Rojas, Marc Sánchez (4), Pere Vaquer (6) e Martí Gascón.
SD TEUCRO (34): Ricardo Amérigo, Iago Gómez; Gonzalo Carró (3), David Chapela (1), Marcos Dorado (2), Borja Pedreira (3), Carlos García (3), David García Pichel (3), Dani Hernández (6), Edu Moledo (8), Adrián Pumar (4), Víctor Rodríguez (1), Iván Fernández e Carlos Pombo.
Árbitros: Jordi Ausas Busquets e Míquel Florenza Virgili (Cataluña). Excluíron por dous minutos a Josep Morales, Marc García, Lluis Montserrat e Roger Rojas, polo conxunto local, a e Borja Pedreira, Gonzalo Carró (2) e Carlos García, polo Teucro.
Marcador (cada cinco minutos): 3-1, 6-4, 7-7, 8-11, 13-12, 14-14 (descanso), 15-17, 18-21, 20-23, 20-27, 23-29 e 26-34 (final).
Incidencias: Pavillón Municipal D'Esports La Roca - (La Roca Del Vallés- Barcelona). Uns 150 espectadores.
Relacionadas:
-
Memorable segunda metade do Teucro que deixa o ascenso moi preto ao gañar (26-23) ao Atlético Valladolid
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado |
-
Partido grande no Pavillón Municipal con Teucro e Valladolid na busca do ascenso
Por Diego Espiño |
-
Momento clave da tempada para o Teucro
Por Diego Espiño |
-
O Teucro visita a cancha de La Roca cun só pensamento: "No podemos fallar ahora"
Por Diego Espiño |
-
Traballo de despacho no Teucro pensando no posible ascenso a Asobal
Por Diego Espiño |
-
Dez minutos abondan ao Teucro para dar conta dun frouxo Barakaldo (32-20) nun partido cómodo
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado |