Medalla de prata para o pontevedrés Jorge Puig no Nacional júnior de pista cuberta
Por Redacción
Jorge Puig sumou esta fin de semana a súa primeira medalla de prata nun Campionato de España. O atleta da Sociedad Gimnástica colgou o metal na proba dos 1.500 metros no Nacional júnior en pista cuberta que se celebrou na cidade de Valencia.
O novo atleta pontevedrés, adestrado por Pablo Díaz, chegaba á capital levantina cunha marca de 3 minutos e 58 segundos. Tivo que correr moito en semifinais para rematar terceiro da súa serie cun tempo de 4.01, suficiente para clasificarse para a final.
Na última carreira, Jorge Puig optou por saír á cola do grupo para evitar os golpes e enganches dos seus rivais. Pero a falta de 600 metros decidiu tirar e, en compañía do posterior gañador da carreira, rebentaron a proba e se foron directos a pola medalla. Ao final, concluíu en segunda posición cun rexistro de 3.59: 30. O gañador, Pablo Sánchez-Valladares, gañou cun tempo de 3.58: 66.
Con esta proba, o atleta debutaba na categoría júnior, tras o cuarto posto conseguido o ano pasado no Nacional de pista cuberta na súa última tempada como xuvenil.
Peor lle foron as cousas ao seu compañeiro, Darío Costas. Era un dos atletas que, a priori, apuntaban á loita polas medallas na proba do heptatlón. Pero na terceira proba da combinada, o lanzamento de peso, sufriu unha desafortunada caída cando intentaba evitar un nulo. As molestias físicas que lle carrexou este incidente obrigárono a abandonar.