O equipo feminino do TM Monte Porreiro gaña o dereito a soñar
Por Redacción
O primeiro partido da segunda volta para o Setga Monte Porreiro consolidouno nunha posición envidiable, metido de cheo na loita por entrar no play-off de ascenso á Superliga Feminina de tenis de mesa.
As pontevedresas tomaron a revancha ante o Gasteiz, ante o que caeran só unha semana antes, vencendo na casa (4-2) e consolidándose na terceira praza da clasificación, que lle permitiría a final da liga regular pelexar polo ascenso.
O Monte Porreiro gañouse o dereito a soñar logo de dez xornadas nas que suma sete triunfos e só tres derrotas, con dous puntos de vantaxe sobre o propio Gasteiz, cuarto, e catro sobre Cidade de Narón e Oroso.
Ante o conxunto vasco o equipo composto por Ana Pérez, Vitoria Cadilla e Elísabet Cadilla empezou cedendo o primeiro punto, pero remontou para facerse con claridade coa vitoria.
O vindeiro sábado o equipo lerezano deberá defender a súa privilexiada situación en casa do segundo clasificado, o School Zaragoza.