O Arxil soña co play-off de ascenso tras pechar unha brillante primeira volta
Por Redacción
O ascenso á máxima categoría do baloncesto feminino nacional deixou de ser unha quimera para o Club Baloncesto Arxil tras o brillante inicio de campionato das pontevedresas.
Non o esconden xa dende o club unha vez rematada a primeira volta da competición, que deixa ao equipo adestrado por Mayte Méndez na terceira posición da táboa cun balance de nove vitorias e só dúas derrotas, a só un triunfo do liderado e con tres de vantaxe sobre o quinto clasificado, León, primeiro que non xogaría polo ascenso.
Os bos números do conxunto verde, que só perdeu ante os dous primeiros, teñen nomes propios como a senegalesa Maimouna Diarrá, a estadounidense Fallon Lewis ou Ana Román, fichaxes para esta tempada, ademais da achega de xogadoras da casa.
Diarrá é ata o momento a segunda máxima anotadora, a mellor reboteadora da liga e a que conta coa mellor valoración media (27,45 por partido).
Ademais dos rivais directos por entrar na fase de ascenso o Arxil gañou ao Celta, Aros León e Cortegada a domicilio, tendo que recibilos na segunda volta no Centro Galego de Tecnificación Deportiva, aspecto que dispara o optimismo a beiras do Lérez.
A segunda metade de liga para as verdes arrancará o próximo sábado 31 de xaneiro na casa do Araski vasco, sétimo clasificado.