Respira o Marcón Atlético ao gañar (2-0) a un rival directo como o Pontellas
Por Redacción
Era pouco menos que unha final pola permanencia e a gañou o Marcón Atlético, que se impuxo de forma xusta e ata relativamente cómoda ao Pontellas, nun partido no que os de Carlés saíron con moita intensidade e concentración, conseguindo dous goles en menos de media hora que lle permitiron manexar logo os tempos ao seu antollo.
Ademais, o 2-0 permite ao Marcón gañar o golaverage particular co seu rival, o que pode ter a súa importancia ao final de liga por tratarse de dous equipos que teñen a permanencia como obxectivo.
Os locais abrían moi pronto a conta por medio de Gelillo que engancha un gran disparo dende 35 metros que entrou por toda a escuadra. A alegría local foi maior ao aproveitar Héctor un rexeitamento para facer o segundo gol.
O Pontellas intentouno na segunda parte, realizando o seu técnico tres cambios simultáneos no descanso, pero o Marcón aguantou ben para sumar tres puntos transcendentais.
Unha das notas destacadas da tarde produciuse a falta de sete minutos para o final cando o xogador local, Steve, saltaba ao campo en substitución de Sapi. Atrás quedaban dez meses de calvario como consecuencia dunha grave lesión de ligamentos. O futbolista foi recibido polo público cunha grande ovación.
MARCÿN ATLÿTICO (2): Vladi; Racha, Arturo, Yago (Valiñas, min. 79), Bolo, Héctor, Marcos, Iván, Baptiste, Sapi (Steve, min. 83) e Gelillo (Álvaro, min. 70).
CD PONTELLAS (0): Ismael; Chicho, Chulo, Chuvi (Collazo, min. 46), Rubén (Caco, min. 46), Barros (Omar, min. 75), Miguelón, Diego Blanco, Cousido (Miki, min. 46), Canli (Queco, min. 77) e Ramos.
Árbitro: Samuel Gil Caldelas (Santiago), auxiliado nas bandas por Jonatan Losas Otero e Álvaro Domínguez Romero. Amoestou os xogadores locais Yago e Arturo, e os visitantes Chuvi, Rubén e Ramos.
Goles: (1-0) Minuto 7: Gelillo. (2-0) Minuto 29: Héctor.
Incidencias: Campo do Carrasco (Marcón). Uns 200 espectadores.