Mal remate de pretempada dun Pontevedra descafeinado e fallón que cae (2-1) fronte ao Xuventú Sanxenxo
Por Ramiro Espiño
Mal remate dos amigables de pretempada para un Pontevedra descafeinado, que caeu con xustiza fronte ao Xuventú Sanxenxo, nun partido no que os de Manu Fernández acusaron en exceso a forte carga de traballo da última semana e as numerosas ausencias coas que se presentou en Baltar de Arriba, ás que houbo de sumar a de Campillo, lesionado no quentamento.
Certo é que as sensacións non foron boas, nin hai dous días ante o Portonovo, nin nesta ocasión, pero sería inxusto xulgar o rendemento do equipo por estes dous partidos, cando nos anteriores os granates mostraron unha imaxe máis acorde co que se espera do potencial do seu plantel.
Primeira acción do partido e os granates adiantábanse no marcador, ao aproveitar Jorge un erro na cesión da zaga local para picar con calidade ante a saída de Álex Vila. Coma se fose un anticipo do que logo sucedería, o gol chegaba froito dun erro do contrario, aínda que a definición do dianteiro foi excelente.
O Pontevedra dominaba, pero non lograba concretar nos metros finais para consolidar a súa vantaxe. A superioridade visitante limitábase a ter máis o balón, fronte a un Sanxenxo que apenas pisaba a área rival.
Pero era o día dos regalos. Así, na primeira aproximación local, Suso Vidal nunha xogada sen perigo é derrubado por Adrián. O mesmo Suso Vidal transforma o penalti no empate, que nese momento non reflectía o que sucedera no campo.
A segunda parte xa foi outra historia. Os cambios non sentaron ben a un Pontevedra esvaecido, fallón e con moitas ausencias de xogadores chamados a ser clave, que tratou de seguir levando o peso do partido, pero que se mostraba máis débil tanto na recuperación coma na construción.
Aínda así o Sanxenxo non creaba perigo, pero chegaría o terceiro regalo da tarde, esta vez a través dun erro de Pablo, similar ao que valeu o gol que inauguraba o marcador. Aproveitouno Diego González, que practicamente tocaba o seu primeiro balón, para bater a Lloves no man a man.
Restaba case media hora na que non pasou absolutamente nada, salvo unha nova ocasión para Diego González, que mandaría fóra con Lloves batido. O Pontevedra intentouno sen o menor acerto, e o Sanxenxo limitouse a conservar a vantaxe sen arriscar o máis mínimo, nun partido no que houbo pouco xogo, menos ocasións de gol e no que os granates non dispararon nin unha soa vez a porta entre os tres paus no segundo período.
XUVENTÿ SANXENXO (2): Álex Vila; Diego Peña, Juan Caneda (Cidranes, min. 61), Alfonso, Suso Martínez; Guille Peña, Suso Vidal; Héctor (Adrián, min. 71), Ramón (Diego González, min. 61), Dani Muradás (Jonathan, min. 40); e Cuchi (Walter, min. 71).
PONTEVEDRA C.F. (1): Lloves; Adrián, Pablo, Emilio, Iago Martínez (David Feito, min. 46); Kevin Presa (Bryan, min. 61), Pedro García (Mouriño, min. 46); Anxo (Ismael, min. 46), Tomás (Fran Fandiño, min. 61), Luismi (Abraham, min. 61); e Jorge (Benja, min. 76).
Árbitro: Gonzalo Villanueva Carballo (Pontevedra),auxiliado nas bandas por Miguel Ángel Miñán Fernández e Antonio Loira Poceiro. Amoestou a Anxo, Pedro García e David Feito, polo Pontevedra.
Goles: (0-1) Minuto 1: Jorge. (1-1) Minuto 27: Suso Vidal, de penalti. (2-1) Minuto 63 Diego González.
Incidencias: Campo Municipal de Baltar de Arriba (Sanxenxo). XXIX Trofeo San Xinés. Uns 250 espectadores.
Relacionadas:
-
Tubo, Carnero e Capi, únicas baixas do Pontevedra para o debut ligueiro en Ordes
Por Diego Espiño |
-
O Pontevedra inicia oficialmente a tempada coa tradicional ofrenda á Virxe Peregrina
Por Redacción |
-
Viaxe organizada para acompañar o Pontevedra na estrea ligueira en Ordes
Por Redacción |
-
Tomás salva os mobles a un frouxo Pontevedra que se impón nos penaltis (2-2) ao Portonovo
Por Ramiro Espiño |
-
ÿltimas probas para o Pontevedra antes do inicio ligueiro en Ordes
Por Diego Espiño |