Kevin Levis e Moreira tampouco seguirán no Pontevedra a próxima tempada
Por Alejandro Espiño
Segue aumentando a lista de baixas do Pontevedra para a próxima tempada. Tras os últimos contactos entre o equipo e a dirección deportiva da entidade, confírmase que o dianteiro Kevin Levis e o centrocampista José Moreira abandonan a disciplina do club. Ningún deles figuraba na lista de xogadores aos que, inicialmente, os responsables da directiva pontevedresa lles ían ofrecer a renovación.
Ambos os dous desvelaron a súa saída do Pontevedra a través das súas respectivas contas persoais en Twitter, onde agradeceron ao club, aos seus compañeiros e aos afeccionados o apoio prestado durante todo este ano.
A vindeira tempada non continuarei no Pontevedra. Grazas ao clube,afeccion,c.técnico e sobretodo compañeiros por este ano. Desexovos éxitos
jose moreira (@josemoreira10) julio 8, 2014
Fin de esta etapa! pic.twitter.com/xewAjrUtb0
Kevin Vicente Levis (@Kevin9Vicente) julio 8, 2014
José Moreira chegou á disciplina granate o pasado mes de agosto, procedente do Celta B; mentres que Kevin Levis, que marcou 20 goles entre o primeiro equipo e o filial, tamén foi unha das fichaxes da pasada tempada. Incorporárase á disciplina granate tras unha tempada no Barco, equipo de Rexional Preferente.
Con estas dúas baixas, son xa nove os xogadores que non seguirán no Pontevedra. Previamente, o club anunciara a saída de Richi, Santi Domínguez, Paco, Javi Otero, Pablo Lede, Miguel Vázquez e David Pérez.