Décimo triunfo do Movistar de Pedro Campos, cuarto consecutivo, no Trofeo S.M. La Reina de vela
Por Redacción
O Movistar de Pedro Campos bateu o seu propio récord. A tripulación do Real Club Náutico de Sanxenxo logrou este domingo o seu cuarto título consecutivo no Trofeo S.M. La Reina. Con este novo resultado na división ORC 2, o equipo liderado polo patrón cuntiense suma o seu décimo triunfo na prestixiosa regata celebrada en augas de Valencia.
Este novo triunfo foi, en palabras de Pedro Campos, froito do traballo e é que, tal e como afirmaba o cuntiense, "esta vez foi unha regata complicada porque tivemos que apertar despois do resultado da regata longa, cando tivemos mala sorte coa encalmada. Despois tivemos que pelexar moito e, afortunadamente, logramos ser primeiros nas seguintes mangas".
Tralo barco do Real Club Náutico de Sanxenxo, que foi remotando día tras día desde a décima praza na que concluíu a primeira xornada, situouse o italiano "Low Noise", con Duccio Colombi á cana, que se colgou a prata; mentres que o "Fyord Valencia Luxury" de José Luís Maldonado completou o caixón de honra.
En total, o Movistar de Pedro Campos logrou catro vitorias parciais nas cinco probas disputadas.
En augas do Mediterráneo a tripulación do Movistar proclamouse, ademais, subcampioa de Europa de ORC B despois de que o Comité de Regatas introducise o descarte na xeral final tras cinco probas disputadas. O ouro foi a parar a mans de Duccio Colombi mentres que o tamén italiano "Morgan IV" adxudicábase o bronce.
A próxima cita do Movistar será en augas de Palma de Mallorca, onde entre en 4 e o 9 de agosto disputará a emblemática Copa del Rey MAPFRE.
Relacionadas:
-
Rajoy insiste en utilizar a expresión "Sangenjo" durante a entrega da placa do Mérito Deportivo ao Náutico
Por Redacción |
-
O Movistar de Pedro Campos gaña por sétima vez a Copa do Rei de vela
Por Redacción |
-
O Náutico de Sanxenxo, galardoado coa Placa da Real Orde do Mérito Deportivo
Por Redacción |
-
O barco da próxima Volvo Ocean Race descansa xa en Sanxenxo
Por Redacción |