O Teucro cumpre con Facenda e ve a luz ao final do túnel
Por Diego Espiño
"Pasado este escollo sería una calamidad que nos quedáramos en el camino". Así de claro se mostrou o presidente da Sociedad Depotiva Teucro, Carlos García-Alén, tras confirmar que este mércores o club pontevedrés depositou na Axencia Tributaria os 38.000 euros que debía aboar antes do día 7 dentro dos prazos de pagamento negociados para a débeda privilexiada.
Se a entidade azul non cumpría este pagamento poderíase ter visto abocada á súa liquidación sen poder empezar sequera a próxima tempada.
O balón de osíxeno é importante, tanto que García-Alén asegura que este pagamento lle quitaba o sono e que unha vez cumprido o trámite "hoy por hoy las perspectivas son mejores que la temporada pasada".
A directiva realizou un préstamo persoal para poder pagar a tempo a Facenda
Con todo non foi doado cumprir con Facenda ante a falta de liquidez que asola as contas do club, e só foi posible coas achegas recibidas polas concellarías de Deportes e Promoción Económica e tamén por un préstamo persoal da directiva.
O club azul asegúrase así tranquilidade non só para o inicio do curso, senón para toda a tempada, xa que o presidente confirma que poderán afrontar sen tantas complicacións o seguinte pagamento coa Axencia Tributaria, outros 38.000 euros no mes de decembro.
A partir de entón "la guinda sería llegar a un acuerdo con Hacienda para aplazar los meses de julio de 2015 y 2016" e pagar esas cantidades en decembro de 2017 e 2018.
Paralelamente a directiva teucrista segue tratando cos acredores para lograr a condonación da débeda ordinaria ou o seu intercambio por publicidade. Desta forma lográronse acordos por valor de 300.000 euros do total do medio millón aproximado da débeda ordinaria, segundo apunta o dirixente.
Sería o máis urxente, e despois viría xa de forma máis regulada a débeda subordinada que quedou aprazada no consurso de acredores.
En definitiva, como resume o dirixente azul, "tenía obsesión por salir adelante de este problema y ahora podemos pensar más en el futuro", coa cabeza posta nunha tempada na que se abre un novo ciclo deportivo tras a chegada de Quique Domínguez ao banco do Municipal.