Os 100 días que converteron un campión en "lenda"
Por Ramiro Espiño
David Cal. 100 días para a historia. ÿ o título do libro escrito por Jesús Morlán Fariña no que relata os últimos 100 días previos á final do C-1 1000 metros dos Xogos Olímpicos de Londres 2012 do deportista máis laureado da historia do olimpismo español. 100 días que fixeron pasar ao piragüista pontevedrés (Vilariño-Hío) de ser un gran campión a toda unha lenda.
O libro será presentado o venres (23 de novembro, ás 13,00 h) na sede do Comité Olímpico Español, en Madrid, coa asistencia de Suso Morlán, a quen acompañará o seu pupilo David Cal, no transcurso dun acto que podería ter como pano de fondo a noticia máis esperada por todos: a confirmación de que adestrador e palista seguirán xuntos ata "Río-2016".
Pero antes dese desexado momento, en PontevedraViva tivemos o privilexio de recibir na mañá do mércores a visita do propio Suso Morlán, quen nos fixo entrega dun exemplar do seu libro, cunha cariñosa dedicatoria, anunciando que tras a presentación madrileña, o libro será presentado igualmente en Santiago de Compostela, na Xunta de Galicia, e moi posiblemente na mesma semana en Pontevedra, nun lugar aínda por concretar.
O libro foi escrito antes da final de Londres-2012, e pretende ser unha especie de libro diario de David Cal
Como queda indicado e o propio Suso Morlán reflicte no seu prólogo, o libro foi escrito antes da histórica final, e pretende ser "unha especie de libro diario de David", no que se conta "o día a día, os adestramentos, as anécdotas, os bos e os malos momentos", escrito a intres libres, despois de rematar o traballo diario, na soidade do seu cuarto nos lugares de concentración, e tras cada xornada preparatoria chea de esforzo e sacrificio, pero tamén de ilusión e esperanza.
Un libro que nunca tería saído á luz de non ter conseguido a quinta medalla olímpica, como di o adestrador pontevedrés: non é que non teña valor ou deixe de ser verosimil ou útil sen a quinta, pero non me verei capaz de contar nada e moito menos sacar á luz isto se non finalizamos con éxito, ese será o noso listón, autoimpuxémonolo fai xa catro anos e debemos cumprir o pactado".
"Este libro será distinto a todos os anteriores" -segue Suso Morlán no seu prólogo- "nunca se contou dende dentro como é a rutina dun campeón...ir día a día acompañando a David nas súas longas horas de adestramento, intentar dodificar o esforzo, xestionar a presión e a ansia por unha medalla, enfrontarse ao máis grande dos retos dun deportista, e non dun calquera, o dun mozo pontevedrés que un día soñou con estar nuns Xogos Olímpicos e que a día de hoxe xa ten catro medallas -agora cinco- no seu poder".
A partir dese prólogo comeza unha bonita "conta atrás" con destino Londrés, que empeza un primeiro de maio "día do traballo" no Club Naval de Pontevedra. Cunha narrativa amena, pero chea tamén de datos técnicos que sen dúbida servirán de moito aos especialistas. Dende o Lérez, pasando pola concentración en Cervo (Lugo) ata ese día 8 de agosto, un día para a historia, cando David Cal nos fixo vibrar a todos nunha remontada incrible para lograr a prata...o resto terán que leelo nun libro único, o libro no que o adestrador do máis grande deportista galego da historia nos descobre ao "outro" David Cal.