Outro penalti inexistente leva ao Pontevedra á derrota (3-1) en Cerceda
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado
Creada e actualizada
Creada e actualizada
Había receo no Pontevedra antes do partido pola designación arbitral, e cumpríronse os peores temores. Nun partido transcendental os granates encontráronse cun colexiado, pero especialmente cun asistente, Cristian Vázquez Martínez, que leva camiño de converterse no peor pesadelo da tempada.
Dúas decisións súas foron determinantes para o resultado final, a primeira ao sinalar un penalti inexistente, por man involuntaria de Yago Vázquez, nun claro "deja vu" do sucedido quince días antes en Abegondo, e logo deixando ao Pontevedra en inferioridade, tamén como entón, por expulsión de David Feito (que o era), pero deixando no campo a Herbert, que cometeu parecido delito ao do defensor granate.
Iso non quita que o Pontevedra saíse timorato, medroso, sen inquietar ao rival, pero tamén é certo que logo tirou de orgullo e a punto estivo de conseguir en inferioridade evitar unha derrota que non mereceu.
De saída o conxunto local conseguiu o balón e o control do partido, fronte a un Pontevedra repregado, como temeroso e sen presenza en ataque. Non obstante ese dominio vermello e branco non se traducía en ocasións claras de perigo. Unicamente un remate franco de Cano (minuto 18), que non aproveita o rexeitamento de Edu e con toda a portaría á súa disposición, cruza en exceso o coiro.
Logo sería a quenda de Herbert (minuto 26), pero o seu disparo ao centro encontrou a Edu ben colocado. A resposta granate sería máis ben tímida, cun disparo afastado de Tubo (minuto 28) que se vai ao lateral da rede.
Ata que á media hora de xogo a historia de quince días atrás se repetía. Un centro-chut de Cano dá na perna de Yago Vázquez e rózao no brazo. O árbitro volve interpretar penalti, malia que nin os propios xogadores locais fixeron o máis mínimo ademán de reclamar o castigo. Chirri enganaba a Edu inaugurando o marcador.
A reacción granate veu a través dunha falta que Moreira lanzou fóra por pouco, e un duro remate de Pablo Carnero, que parou Diego en dous tempos.
Iso ata que a falta de dous minutos para o descanso un centro de Tubo dá na perna de Juan e lle vai á man. O que nunha área foi penalti, na contraria simplemente corner. Cuestión de criterios arbitrais, curiosos cando se trata dun mesmo partido, como curioso, ou polo menos de escasa man esquerda, a decisión dos que realizan as designacións, tanto de árbitro coma dun asistente con antecedentes pouco afortunados nos partidos nos que o seu camiño se cruzou co Pontevedra.
A segunda parte transcorría nun monótono ir e vir dos dous equipos, sen perigo. Co Cerceda convencido de que chegaría a súa oportunidade de sentenciar a un Pontevedra que non lle inquietaba.
E nesas andaba o partido cando Herbert o busca as cóxegas a David Feito. A provocación fai efecto e o lateral visitante devolve a caricia pero con máis contundencia. O asistente veo, ao só a segunda acción, e o árbitro amoesta o xogador local, expulsando ao granate.
Era o minuto 68. As cousas poñíanse costa arriba, pero os de Manu Fernández sacaron forzas de fraqueza e ofreceron a súa mellor versión. Pedro Crespo empataba dous minutos máis tarde, cun golazo, envolvendo o balón de rosca, dende a frontal, para colocalo xunto ao poste.
Tocaba defender polo menos o empate, pero non foi posible. A falta de seis minutos o Cerceda, que non creaba perigo, encontrou a solución á saída dun corner. Marcos Caridade empalmou un balón solto na área rematando coas esperanzas visitantes.
Aínda así os pontevedreses tiraron de orgullo ferido e fóronse arriba a custa de deixar exposta o seu defensa, con Tubo convertido en improvisado lateral. Cano encontrou o espazo que ata entón non tivera e serviu en bandexa para que Felipe empurrase a porta baleira.
CCD CERCEDA (3): Diego (1); Noé (1), Angeriz (1), Marcos Caridad (2), Juan (1); ÿlmer (1), Granada (2); Chirri (2), Herbert (1), Cano (2); y Dani (1).
Substitucións: Felipe (1) por ÿlmer, minuto 78. Adrián Peque (s.c.) por Chirri, minuto 86. Peloto (s.c.) por Herbert, minuto 94.
PONTEVEDRA CF (1): Edu (1); Caco (1), Yago Vázquez (1), Pablo (1), David Feito (0); Pedro Crespo (2), David García (1); Tubo (1), Moreira (1), Javi Otero (2); e Pedro Carnero (1).
Substitucións: Fran Fandiño (1) por David García, minuto 59. Benja (1) por Moreira, minuto 59. Kevin Levis (s.c.) por Javi Otero, minuto 86.
Árbitro: David Iglesias Melón (Vigo), auxiliado nas bandas por Cristian Vázquez Martínez e Jorge Fojo Rodríguez. Expulsou con vermella direta a David Feito (minuto 68). Amonestou a Granada, Dani, Herbert, Chirri e Felipe, polo Cerceda, e a Yago Vázquez e Pedro Crespo, polo Pontevedra.
Goles: (1-0) Minuto 30: Chirri, de penalti. (1-1) Minuto 70: Pedro Crespo. (2-1) Minuto 84: Marcos Caridad. (3-1) Minuto 92: Felipe.
Incidencias: Campo Municipal de O Roxo (Cerceda). Uns 350 espectadores, con numerosa presenza de seguidores pontevedreses.
VESTIARIOS:
MANU FERNÁNDEZ: O "cabreo" co trío arbitral notábaselle ao técnico pontevedrés, aínda que tampouco ocultaba os erros do seu equipo, especialmente na xogada do segundo gol: "O discorrer do partido foi moi parecido ao de Abegondo. Non empezamos nada ben, pero a xogada que marca o partido é un penalti que, ben, a Yago dálle no brazo pero teno pegado ao corpo. Logo empezamos a dominar, a levar a iniciativa, ata que se produce a expulsión. Aínda así conseguimos empatar e tiñamos todo preparado para meter a Kevin antes da expulsión, pero ao quedar con 10 xa era un pouco arriscado. Logo veu un erro a balón parado que non podemos cometer, e se nos volven poñer por diante, decidindo o partido".
Manu Fernández: "A Yago dálle no brazo pero pegado ao corpo. Feito golpea o xogador do Cerceda, pero antes sucede ao revés. Estamos afeitos a que nos pasen estas cousas cos árbitros desa zona"
"O penalti dálle na perna e logo no brazo, pero insisto, pegado ao corpo, e a expulsión é certa que Feito golpea o xogador do Cerceda, pero antes sucede ao revés. Que non haxa sangue na cabeza de Feito non significa que non houbese nada. O liña veo perfectamente diante dos seus narices, pero fai o doado, como fixo no penalti. Estamos afeitos a que nos pasen estas cousas ultimamente cos árbitros desa zona. Non sei se é curioso ou é coincidencia, pero levamos catro arbitraxes con este liña e distinto árbitro".
"Eles estiveron ben na primeira parte, pero nós fomos mellores na segunda. Hoxe ímonos amolados de aquí e doídos polas circunstancias que se deron no partido, pero temos que facer os puntos que necesitamos, e para iso hai que seguir traballando"
JOSÿ LUIS LEMOS: Satisfeito co resultado e especialmente por superar un rival directo, a vitoria era fundamental para o adestrador local: "Hoxe era fundamental gañar, porque se o facía o Pontevedra se nos ía na clasificación e así superámolos e metemos outro equipo máis na loita. O partido foi igualado, pero porque nos custou abrir o marcador, pero penso que no primeiro tempo fomos superiores ao Pontevedra, con moitas chegadas e sen pasar apuros. No segundo tempo púxosenos máis claro con esa expulsión, pero o empate fíxonos dubidar, aínda que ao final conseguimos marcar".