Décimo quinto posto para Saleta Castro en Los Cabos (México), o seu primeiro Ironman da tempada
Por Redacción
A pontevedresa Saleta Castro non tivo o debut que esperaba na presente tempada de Ironman, a disciplina máis esixente do tríatlon. Estreouse cun décimo quinto posto en Los Cabos (México) tras completar a proba en 10 horas, 21 minutos e 4 segundos. Pero foi unha carreira que se lle puxo costa arriba no seu tramo final. A propia deportista recoñecía en Twitter que foi "a carreira máis dura da miña vida"
Saleta Castro sempre estivo situada entre as dez primeiras clasificadas. Pero no último segmento da carreira a pé foi onde sufriu de máis e perdeu varias posicións. Foi a sétima mellor na natación (3.800 metros), a sexta en bicicleta (180 quilómetros), pero o maratón que lle esperaba (42,2 quilómetros) se lle fixo terriblemente longo nos últimos quince quilómetros e foi caendo na clasificación ata esa decimoquinta posición.
Segundo explicou a propia deportista, "pudo ser y no fue" e sinalou que as súas malas sensacións no maratón se produciron porque "duelen más las piernas cuando se corre y camina que cuando solo se corre".
Tras esta carreira en Los Cabos (México), a próxima cita de Saleta Castro con esta disciplina será o próximo 17 de maio en Lanzarote. Nel intentará seguir adiante co reto da presente tempada, lograr clasificarse para disputar o Campionato do Mundo de Ironman, que se celebrará en outubro en Kona (Hawaii).