O gran inicio de ano de Jéssica Bouzas elévaa ao posto 124 do ranking WTA
Por Diego Espiño
A tempada iniciouse en xaneiro para Jéssica Bouzas cunha pequena decepción, ao non poder clasificarse para a fase final do Open de Australia tras caer nun axustadísimo partido de case tres horas na fase previa. Con todo foi practicamente o único pau para a arousá no que vai de ano.
De feito desde entón os resultados e sobre todo as sensacións acompañaron a Bouzas, tanto que esta semana marca o seu tope histórico no ranking mundial da WTA, ao ascender ao posto 124 tras chegar aos cuartos de final no torneo WTA 125 de Puerto Vallarta, en México.
Bouzas supera así o posto 125 que marcou como tope o outubro pasado, e mira cada vez máis preto a barreira do Top-100 que pecha actualmente a bielorrusa Aliaksandra Sasnovich con 743 puntos, polos 605 puntos da de Vilagarcía.
Jéssica chegaba ao WTA 125 de Puerto Vallarta cunha serie positiva de 14 triunfos nos seus anteriores 15 partidos, que lle valeron para sumar o título do ITF W75+H no Porto, ser finalista no W50 da mesma localidade portuguesa e para gañar o W50 de Morelos en México.
No que respecta ao WTA 125, un torneo de maior entidade, a deportista arousá venceu dous encontros fronte á estadounidense Taylor Townsend (número 83 do ranking) na que era a cuarta vitoria da súa carreira ante unha top-100 (6-3, 6-4), e contra a checa Linda Fruhvirtova (6-4, 6-4), para ceder finalmente nos cuartos de final coa arxentina Mª Lourdes Carlé (4-6, 6-4, 6-2).
Na actualidade Jéssica Bouzas é a sexta tenista nacional con mellor ranking.
Relacionadas:
-
Os Xogos Olímpicos de París, un soño difícil pero aínda posible para Jéssica Bouzas
Por Diego Espiño |
-
O seu triunfo en Turquía impulsa a Jéssica Bouzas ao posto 104 do ranking mundial
Por Diego Espiño |
-
Jéssica Bouzas gaña en Antalya e o tenis galego celebra un torneo WTA unha década despois
Por Diego Espiño |
-
Jéssica Bouzas rompe outra barreira e clasifícase para a súa primeira final dun torneo WTA
Por Diego Espiño |
-
Jéssica Bouzas, sen opcións na previa do WTA 1000 de Miami
Por Redacción |
-
Jessica Bouzas coróase en México
Por Almu Dapena |
-
Jéssica Bouzas levanta en Porto o seu décimo título en torneos ITF
Por Redacción |
-
Jéssica Bouzas cae na previa do Open de Australia fronte á india Ankita Raina
Por Diego Espiño |