Yago Iglesias: "Non tivemos a eficacia destes días e o Zamora tivo tres e marcou tres"
Por Almu Dapena & Cristina Saiz
"Sabiamos do nivel que ía ter este partido", explicou o técnico do Pontevedra, Yago Iglesias, ao finalizar o encontro ante o Zamora, que lamentou "a forma convulsa" que tivo de comezar ao ter que atrasarse media hora. "Evidentemente non é algo que teña influencia directa no resultado, pero si que se cadra na previa pode desestabilizar un pouco ao xogador".
En todo caso, para Iglesias "entramos ben, temos tres ocasiones claras. O resumo é que non tivemos a eficacia destes días e o Zamora tivo tres e marcou tres. Buscámolo de todas as maneiras posibles, pero ao final o nivel do equipo que había diante é o que é", asegurou.
A perda dos tres puntos en Pasarón supuxo que o Ourense recuperase o liderado e que Pontevedra e Zamora volvan estar empatados a puntos. "Somos os tres primeiros clasificados, somos moi bos equipos cun nivel altísimo e dóenos e amólanos -o resultado- porque queriamos seguir gañando na casa e sumar de tres", pero aínda quedan "os últimos 10 partidos que lle dan salsa a esta liga".
En canto á análise do partido, Yago Iglesias considera que o seu equipo recibiu o gol "sen apenas pasar nada. O Zamora sempre saca moitos córneres e faltas en campo contrario, e hoxe aquí non tivo nada. Creo que o equipo entrou ben, temos unha primeira de Garay, un balón parado que remata Churre e vai ao medio... Eles na primeira que tiveron foi para dentro".
Despois, xa na segunda parte, o gol no minuto dous "cáenos como un xerro de auga fría, pero o equipo refíxose. A pena que nos queda é a xogada de Churre, que fose o empate e o partido acabaría aí". A pesar diso, o adestrador granate mostrouse orgulloso do partido que disputaron os seus xogadores. Os cambios serviron para xerar máis e, unha vez máis, a entrada de Charly significou un novo gol para o dianteiro.
Agora, o Pontevedra ten aínda dez xornadas por diante, por iso " ao longo da semana non lle demos maior importancia que a outro partido", aínda que, neste caso, cre que "o máis lóxico sería un empate. O equipo está amolado porque as tivemos e xeramos. Non se fixo un mal partido, pero tivemos 3 puntos de vantaxe".
"No partido de ida fomos capaces de gañar no seu campo cando levaba todos os puntos posibles ata a data e hoxe viñeron eles aquí e conseguiron tamén a vitoria. En calquera outro ano calquera destes equipos estaría de primeiro destacadísimo, pero tocounos unha liga de tres", subliñou.
Relacionadas:
-
O Real Oviedo retransmitirá en aberto o partido do seu filial contra o Pontevedra
Por Redacción |
-
Yelko Pino: "Despois de cada derrota o equipo saíu reforzado"
Por Diego Espiño |
-
Dez xornadas de infarto para decidir o ascenso: este é o camiño de Pontevedra, Ourense e Zamora
Por Diego Espiño |
-
Paso atrás do Pontevedra, que perde o liderado ante o Zamora (1-3)
Por Almu Dapena & Cristina Saiz |