O Cisne retoma o voo á conta do Ciudad Real (27-22)
Por Almu Dapena & Cristina Saiz
O Club Cisne Balonmano conseguiu este sábado romper co refacho de derrotas que viña arrastrando despois de asinar un gran partido ante o Caserío Ciudad Real.
O conxunto branco, que non comezou o duelo da mellor maneira, púxose as pilas no segundo tempo e, apoiado nunha firme defensa liderada por Iván Calvo e un muro en portería con Roney Franzini logrou deixar atrás as pantasmas para retomar o voo.
Tivo problemas o Cisne para meterse no encontro, castigado cun primeiro parcial de 0-2 que pronto igualaron Furtado e Bruno Váquez.
Con todo, o cadro pontevedrés era incapaz de tomar a dianteira no marcador. De feito é que o Ciudad Real pisou as acelerador grazas ao acerto de Palacios e Campanario e foi superado o minuto 20 cando Jabato decidiu deter o crono (6-10).
A charla do técnico fixo o efecto desexado. Calvo regresou á cancha, Campanario foi excluído e o Cisne deu un paso adiante á hora de fortalecer a súa defensa para converterse nun muro impenetrable para o cadro visitante.
Os brancos crecéronse e o Ciudad Real entrou o seu peor dinámica encaixando un 6-1 que permitía ao equipo pontevedrés voltear o resultado (12-11), pero Campanario atopou portería e devolveu a igualdade coa que o partido se foi ao descanso (12-12).
Ao regreso dos vestiarios o Caserío colleu de novo a vantaxe (12-14). Foi un visto e non visto. Franzini entoouse baixo paus e o seu equipo recuperou as boas sensacións do final do primeiro tempo para atopar portería con maior facilidade e coller a vantaxe máis ampla ata o momento (20-16).
Detivo o tempo o técnico visitante coa intención de reverter a situación, pero o Cisne, lonxe de correr ás toas e perder balóns como ocorrera noutros encontros, mantivo a intensidade defensiva e xogou con cabeza para seguir penetrando a portería rival e poñer o 23-18 a falta de 10 minutos para a conclusión.
Gastou o seu último tempo morto Santi Urdiales e o seu equipo saíu reforzado da charla para cortar a hemorraxia e reducir a diferenza en tres tantos, pero as intervencións dun soberbio Franzini en portería impedíronlle pelexar por unha posible remontada e o Cisne sentenciou en 27-22.
Consulta as estatísticas nesta ligazón
Relacionadas:
-
O Cisne desprega as súas ás para remontar ante o Zamora (33-27)
Por Almu Dapena & Cristina Saiz |
-
Roney Franzini rompe o tendón de Aquiles e di adeus á tempada
Por Diego Espiño |
-
O Cisne rescata un punto en Alacante (28-28)
Por Almu Dapena |
-
Os Hispanos Xuvenís convocan o cisneísta Manu Lorenzo
Por Diego Espiño |
-
O Barça Atlètic alonga a mala serie do Cisne (22-28)
Por Almu Dapena & Cristina Saiz |
-
Derbi Novás-Cisne na segunda rolda da Copa do Rei
Por Redacción |
-
Dolorosa derrota en casa do líder (31-26)
Por Almu Dapena |
-
As lesións seguen a castigar o Cisne: Carlos Pombo, K.O.
Por Diego Espiño |
-
Empate con sabor a derrota para un Cisne que desaproveitou a súa vantaxe (28-28)
Por Almu Dapena & Cristina Saiz |