O Museo de Pontevedra recupera as cifras de visitantes prepandemia
Por Redacción
O Museo de Pontevedra está a recibir unha sensacional afluencia de público neste verán e a recuperar -e incluso a superar- as cifras de visitantes anteriores á pandemia. Así o confirmou este venres o director Xosé Manuel Rey, quen deu a coñecer os números de visitantes do mes de xullo, con 22.591 persoas, e dos catro primeiros días de agosto, que ascenderon a 7.126.
O Museo de Pontevedra, segundo dixo Rey, está a volver á normalidade, enchéndose de visitantes e recuperando a súa imaxe habitual de alta afluencia durante a tempada estival, incluso con algunhas colas para acceder nos momentos de maior tránsito, sempre, iso si, cumprindo os protocolos sanitarios.
No mes de xullo as cifras de visitantes foron bastante parellas ás dos anos previos á pandemia. Pasaron polas diferentes sedes do Museo 22.591 visitantes, superando aproximadamente nun milleiro as cifras acadadas nos anos 2017 (21.541) e 2018 (21.576) e, con moita diferenza, ás dos anos 2019 (6.425) e 2020 (8.694).
O perfil do visitante que se está a achegar ao Museo é principalmente, o dunha persoa de quere coñecer a pinacoteca de xeito individual ou formando parte de pequenos grupos, entre os que as familias con presenza de nenos resultan moi importantes.
Ademais das e dos visitantes procedentes de diferentes puntos de Galicia, acadan unha considerable presenza os que chegan desde Madrid, Andalucía, Castela e León, Cataluña e Comunidade Valenciana. Entre as persoas visitantes estranxeiras son maioritarias as procedentes de Francia, Portugal, Alemaña e Estados Unidos.
Xa neste mes de agosto, a dinámica en canto a número de visitas segue a ser similar ou incluso máis positiva que en xullo. Nos catro primeiros días de agosto de apertura do Museo (domingo, martes, mércores e xoves) alcanzáronse 7.126 visitantes, cifra que de manterse levaría a un novo récord mensual nos últimos cinco anos, marca que nestes momentos ten o mes de agosto de 2017 con 34.226 persoas.
Estas boas cifras de público do Museo fan que, pese á merma sufrida nos primeiros meses do ano, cando as restricións eran moi elevadas e nos momentos nos que se abriron as salas os visitantes eran principalmente locais, o número actual de visitas estea a día de hoxe a 10.000 visitantes das cifras totais do ano pasado e a apenas 33.000 dos recibidos en 2019.
Segundo subliñou o director Xosé Manuel Rey "realmente resulta moi gratificante poder observar como paulatinamente parece que imos recuperando a normalidade e ver como as e os visitantes se achegan de novo ao Museo a gozar das súas coleccións e das diferentes actividades que programa".
Relacionadas:
-
Dez pezas singulares do Museo, a través dunha ollada infantil
Por Redacción |
-
O Museo rexistra o mellor agosto da última década con case 42.000 visitantes
Por Redacción |
-
O Museo abre a exposición 'Mulleres. De Renoir a Sorolla' con medio cento de obras de artistas de renome
Por Mónica Patxot & Oskar Viéitez |
-
Obradoiros infantís, visitas guiadas e viaxes pola ría, propostas para agosto do Museo Massó
Por Redacción |