A exitosa serie ‘Hierro’ será analizada na décima edición de AuGAL
Por Redacción
A serie de ficción Hierro, da produtora galega Portocabo, centra a edición número dez de AuGAL Master Class Audiovisual Galego, que comeza este martes 11 de maio en Pontevedra baixo o significativo título Deconstruíndo Hierro.
A Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación acollerá as catro sesións previstas para o martes e o mércores desta semana e os da que vén (días 11, 12, 18 e 19 de maio), coa participación de diversos profesionais que forman parte do equipo técnico desta produción feita para a plataforma Movistar e recoñecida con distintos galardóns.
Araceli Gonda e Pepe Coira, responsables do guión de Hierro, abrirán o martes 11 as sesións.
O mércores 12 será a quenda de Ana Míguez, directora de produción e actual presidenta da Academia Galega do Audiovisual, e de Diego Méndez, axudante de dirección, quen falarán da loxística de producir na illa canaria de El Hierro e da rodaxe.
As intervencións continúan o martes 18, con Elba Fernández e Xavi Font, que compuxeron a música da serie, e co editor Gaspar Broullón, que abordará o desenvolvemento da postprodución.
A clausura, cun relatorio baixo o título Desde o desenvolvemento á estrea, correrá a cargo do produtor executivo de Portocabo, Alfonso Blanco "Fosco", o mércores 19 de maio.
A nova edición de AuGAL, que naceu en 2010 da man da Xunta e da Universidade de Vigo para achegarlle a realidade profesional ao alumnado da rama audiovisual, presentouse na Casa das Campás, a sede da Vicerreitoría do campus de Pontevedra, nun acto que contou coa participación do director de Agadic, a Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil; do vicerreitor do Campus de Pontevedra, Jorge Soto; da decana da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación Emma Torres; e do profesor no mesmo centro Paulino Pérez, coordinador xunto con Miguel Anxo Fernández desta iniciativa didáctica, que conta este ano ademais con Pepe Coira como asesor.
"Hierro pareceunos unha serie que está a xogar na Champions, un produto de moitísima calidade que pode competir con producións americanas e que permite pór en valor que en Galicia somos capaces de facer moi boas producións", destacaba Paulino Pérez sobre unha produción que vai amosar ao estudantado participante como facer "unha serie redonda" cunha boa planificación do orzamento e os medios.
Relacionadas:
-
AuGAL amosará o proceso de creación do audiovisual galego máis recente
Por Mónica Patxot & María José Pita |
-
A Máster Class Augal ofrece oito sesións para coñecer desde dentro o audiovisual galego
Por Redacción |
-
A Facultade de Ciencias Sociais alardea de ex estudantes na Master Class Augal
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
A sétima edición de Augal invita a ver cine galego descoñecido en pantalla grande
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
O estudantado de Audiovisuais comprobará no AUGAL o "difícil" que é facer cine
Por Anxo Lourido |