O estudantado de Audiovisuais comprobará no AUGAL o "difícil" que é facer cine
Por Anxo Lourido
Xa se atopa aberta a matrícula para aqueles estudantes, profesionais do audiovisual e interesados no mundo do cinema que queiran participar no Master Class Augal que se desenvolverá en cinco sesións entre marzo e maio.
Este martes 14 presentábase na Casa das Campás a sexta edición desta proposta que recolle o mellor do cinema realizado en Galicia durante os últimos meses. O director do Agadic, Jacobo Sutil e o vicerreitor da Universidade de Vigo, Juan Manuel Corbacho destacaban os traballos audiovisuais que se poderán ver no Plató de Cine da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación coa presenza de ex estudantes desta facultade.
O 15 de marzo vai presentarse Sicixia, de Ignacio Vilar, director de A Esmorga. O mércores 22 deste mesmo mes vai poder verse María (Y los demás) de Nelly Reguera. Unha sesión de curtas realizadas en Galicia con tres títulos: Einstein-Rosen, de Olga Osorio; Men, de Diana Toucedo e Volver Allí, da ex alumna de Comunicación Audiovisual, Lucía Estévez.
Xa en abril haberá unha sesión o mércores 26 coa proxección de Migas de pan, de Manane Rodríguez, unha obra íntima e dura, segundo explicou o profesor Paulino Pérez, quen destacaba o coloquio que na edición anterior mantiveron os estudantes co director galego Dani de la Torre co que comprobaron as dificultades que supón realizar cine en Galicia, malia esas dificultades invitaba ao estudantado a gozar da creación de curtametraxes.
Por último, o 3 de maio, o premiado con dous Goya na última edición destes premios, Alberto Vázquez presentará ese traballo que xa é referente na animación en Galicia, Psiconautas.
As sesións comezarán a partires das 16.00 horas e tras o visionado vai manterse un coloquio cos directores das obras. As persoas interesadas poden apuntarse a través de Agadic ou da Universidade de Vigo ata completar a capacidade de cen persoas que ten a sala.