Amador Arias, protagonista de 'O que arde', comparte na Reiboa as vivencias na rodaxe da película de Oliver Laxe
Por Redacción
O actor Amador Arias participaba este domingo na Reiboa nun dos eventos programados dentro do Reinicia o Verán, do Concello de Poio. Durante este acto proxectábase a película 'O que arde', dirixida por Oliver Laxe e protagonizada pola actriz Benedicta Sánchez e polo propio Amador Arias.
Ao redor dun centenar de persoas participaron nesta iniciativa impulsada pola concellería de Festexos, en colaboración co departamento de Cultura, que dirixe a concelleira Raquel Rodríguez.
'O que arde' obtivo dous premios na pasada edición dos Goya e o premio do xurado na sección 'Un certain regard' do Festival de Cannes. O actor comentou anécdotas da rodaxe e das viaxes realizadas durante a promoción da película por distintos países, entre eles China, cualificando a experiencia como "incríble".
O xoves 13 continuarán as actividades dentro do ciclo Reinicia o Verán cunha cata-degustación de viños que comezará ás 20.30 horas na zona próxima ao hórreo do Mosteiro de San Xoán. Un dos viños que se poderá degustar elabórase na adega do Mosteiro de Poio, con dúas variantes: albariño e mencía. O catador e adegueiro Roberto Regal será o encargado de dirixir esta cita vitivinícola.
Xa o venres 14, o atrio do Mosteiro acollerá o Ciclo Músicas no Ar coa actuación do quinteto de metais da Orquestra Filharmónica de Pontevedra, promovida pola Deputación de Pontevedra. Será ás 19.30 horas.
Relacionadas:
-
Case 2.000 persoas gozaron da programación cultural do verán en Poio
Por Redacción |
-
O grupo pontevedrés Malkeda porá a banda sonora ao fin de agosto en Poio
Por Redacción |
-
Complétase o aforo para poder participar na cata de viños do Mosteiro de Poio
Por Redacción |
-
"Reinicia o verán" ofrecerá espectáculos de teatro, maxia, cine na rúa e concertos durante esta semana
Por Redacción |
-
'Reinicia o verán' leva máis dun cento de actividades por todo o municipio de Poio ata finais de setembro
Por Redacción |