A música dos Heredeiros da Crus enche Combarro
Por Redacción & Diego Torrado
A undécima edición do Festival Armadiña Rock chega este sábado ao seu ecuador co bo sabor de boca que deixou este venres un cheo total na praza da Chousa de Combarro. Tras empezar o xoves co pregón de Xosé Constenla, este venres chegaba a parte central da programación musical do festival e o cartel logrou encher o recinto.
A programación deste venres reunía en Combarro, entre as 21.30 e as 3.30 horas da madrugda, a High Paw & EY, Heredeiros da Crus, Nao e Bastards On Parade e logrou congregar a miles de persoas entregadas á música e a defensa da cultura galegas que desde hai once anos promove este festival.
O público foise animando pouco a pouco ata encher o recinto co prato forte da noite, o tirón fundamental dos míticos Heredeiros da Crus, que volveron a un escenario que xa lles era coñecido para responder a unha petición da veciñanza e o público do festival. Era unha aposta segura e non defraudou.
O festival, que se prolongara ata este domingo, traerá a Combarro a un total de 22 bandas, 20 delas galegas e catro de Poio. Este sábado chegará o día central da programación musical, con Dubioza Kolektiv e Triángulo de Amor Bizarro como cabezas de cartel.
Os bosnios de Dubioza Kolektiv basean a súa música nas súas raíces, mesturando o folclore da súa terra co rock, reggae ou hip-hop. A banda balcánica é moi coñecida en toda Europa e é un dos pratos fortes deste ano.
A banda natural da localidade coruñesa de Boiro Triángulo de Amor Bizarro é unha das bandas máis importantes do indie estatal e ofrecerá en Combarro unha mestura dun son achegado ao punk-rock con melodías pop.
No cartaz tamén destacan referencias do hip-hop en galego coma Dios Ke Te Crew, bandas tan importantes como Familia Caamagno, Balkan Bomba ou músicos emerxentes coma Los Jinetes del Trópico.
Non faltará a sesión vermú na praza da Rualeira de Combarro e pola tarde a cita será na zona lounge con Beti de la Church. Na sesión de tarde, a sesión fresca, estará The Testas’Van e Sote. E Brassica Rapa, Os Queimatasas, Pinguela Terra de Montes, Banda do Patio, Pandeireteiras de Ronsel e Armadiña serán as encargadas de levar a música por todo Combarro.
Toda a programación do Armadiña Rock 2019, patrocinado polo Concello de Poio, a Deputación de Pontevedra e Estrella Galicia, pode consultarse a través da súa páxina web oficial.
Relacionadas:
-
O Armadiña Rock saca peito do éxito dunha edición con máis de 25.000 espectadores
Por Redacción |
-
A Polcía Local de Poio busca os donos de objetos perdidos nos concertos do Armadiña Rock
Por Redacción |
-
Armadiña reivindícase como festival de referencia
Por Redacción & Diego Torrado |
-
Neptuno dirixe unha carta nunha botella á xente do Armadiña
Por Redacción |
-
Xosé Constenla, pregoeiro e músico en acústico no Armadiña
Por Almu Dapena |
-
O Armadiña Rock terá dous "Puntos Lila" contra as agresións machistas
Por Oskar Viéitez |