Os pontevedreses volven deixarse levar por Itineranta: xa está aquí a décima edición!
Por Redacción & Mónica Patxot
O Festival Internacional de Espectáculos de Rúa, Itineranta, volveu encher as rúas de Pontevedra este mércores. Os pontevedreses envorcáronse coa primeira xornada de espectáculos desta décima edición dunha das citas que xa se volveu en imprescindible no programa festivo do verán da cidade do Lérez.
Itineranta empezou a facer un repaso polos dez espectáculos máis exitosos das edicións anteriores e ata este venres 2 de agosto encherá as rúas de monicreques, titiriteiros, danza, percusión, música, acrobacia, zancudos e pirotecnia.
A xornada inaugural contou con tres números que partiron ás 20.00 horas da Praza de España, ás 21.00 horas da Praza do Teucro e ás 22.00 horas da Praza de España, itinerarios xa habituais na programación das edicións anteriores. Para este xoves 1 de agosto, nembargantes, haberá novidades, pois haberá catro actuacións distanciadas por intervalos de 45 minutos e dúas delas suporán unha estrea de itinerario.
Así, unha das novidades desta edición é a inclusión dun novo roteiro que partirá desde o tramo peonil de Benito Corbal, pasará pola Peregrina e Curros Enríquez para terminar na Praza do Teucro. Seguirán esa ruta a primeira e a terceira actuación, que partirán ás 19.45 e ás 21.15 horas desde Benito Corbal,. A segunda e a cuarta partirán ás 20.30 e 22.15 desde a Praza de España.
A xornada do venres inclúe outras catro roteiros con saídas desde Praza de España (19.45 horas), Teucro (20.45 horas), Benito Corbal (21.45 horas) e Méndez Núñez (22.45 horas). Esta última actuación, titulada Symfeuny, é a única estrea deste ano. A obra da compañía bilbaína Deabru Beltzak fará un percorrido de vinte minutos facendo unha parada na Praza da Leña para terminar na Ferrería, na que se instalará un escenario onde terá lugar un número de pirotecnia e percusión.
Itineranta, que este ano se adianta unha semana por razóns de axenda, trae a Pontevedra a dez compañías: Xip Xap de Lleida, Tutatis de Cornellá de Llobregat, Efimer de Tárrega, Todo Zancos de Badalona, Tiritirantes de Burgos, Discípulos de Morales de Badalona, K de Calle de Zaragoza, la Baldulfa de Lleida, Palo q'sea de Colombia, Kull d'sac de Valladolid, e Deabru Beltzak de Bilbao.
Relacionadas:
-
Itineranta remata a lume
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
Criaturas fascinantes, Frankenstein e futurismo toman as rúas de Pontevedra con Itineranta
Por Redacción & Mónica Patxot |
-
Campañó seguirá manifestándose ao non acadar acordo coa Xunta sobre a Variante de Alba
Por Anxo Lourido |
-
RADIO.- Cara a cara: Move o esqueleto con Itineranta
Por Marisa Ciordia |