O Museo amosará material inédito de Alejandro de la Sota nunha "gran exposición antolóxica"
Unha exposición antolóxica que amosa material inédito da súa etapa pontevedresa. É a achega que fai o Museo de Pontevedra á celebración do ano que a Real Academia de Belas Artes de Galicia dedica á figura do arquitecto Alejandro de la Sota.
A mostra, titulada Alejandro de la Sota. Pontevedra, 1913 - Madrid, 1996. Construírse/Construír será inaugurada o vindeiro venres 6 de abril ás 20.00 horas e poderá visitarse ata o 27 de maio no Sexto Edificio do Museo.
Na súa presentación participaron o deputado de Cultura, Xosé Leal; o director do Museo, Carlos Valle; un dos comisarios da exposición, Rafael López Torre; e o membro da Fundación Alejandro de la Sota, Juan de la Sota, fillo do arquitecto pontevedrés.
Os catro coincidiron en destacar que esta mostra ten o atractivo de expoñer material inédito sobre Alejandro de la Sota e desenvolver a súa etapa de formación na cidade de Pontevedra, que é un aspecto que ata o momento non foi tratado en ningunha exposición anterior.
"Estamos falando da exposición antolóxica que percorre toda a vida e toda a obra de Alejandro de la Sota, cunha primeira parte na que amosamos como el se constrúe a si mesmo, e cunha segunda parte na que se ve como constrúe para os demais", indicou Rafael López Torre, encargado do proxecto xunto con Teresa Couceiro, directora da fundación.
Ese enfoque, tanto no relativo á parte máis relacionada coa cidade de Pontevedra como na gran relevancia da traxectoria do arquitecto, foi destacada por Xosé Leal quen asegurou que "Pontevedra se converterá na capital da arte con maiúsculas este ano".
Sobre a relación de Alejandro de la Sota e o Museo profundou Carlos Valle que indicou que "esta mostra ten un significado moi especial, despois de dous intentos previos de dedicarlle unha gran exposición a De la Sota". Ademais, lembrou que o actual logotipo do Museo de Pontevedra está inspirado nun debuxo deste arquitecto.
"Meu pai toda a vida tivo nostalxia de Pontevedra, dos seus amigos, da súa nai" asegurou Juan de la Sota. O fillo do arquitecto afirmou ademais que "grazas a esta mostra podo ter unha visión do Alejandro de la Sota nos anos 20 e 30 e coñecer como foi a súa vida".
Juan de la Sota destacou que a Pontevedra na que comeza a callarse seu pai como arquitecto, na que naceu e viviu "rodeado de xente intelixentísima", como seus pais, irmáns e os personaxes da cidade naqueles anos, quedan perfectamente reflectida na mostra.
Sobre este aspecto estendeuse particularmente o comisario, indicando que "ata agora os primeiros 25 ou 30 anos de Alejandro de la Sota nas exposicións e traballos pasaban desapercibidos, cando el mesmo deixou dito, de palabra e por escrito, que a vida en Pontevedra marcou de xeito decisivo a súa personalidade e o seu carácter".
O comisario tamén informou que a parte da etapa pontevedresa está baseada sobre todo en imaxes e que "é como ter un gran libro na parede". Moito deste material, conformado fundamentalmente por fotografías e debuxos, é a primeira vez que se exhibe.
A segunda parte da exposición céntrase nas obras arquitectónicas emblemáticas da súa carreira, como son o Pueblo de Esquivel en Sevilla, o edificio de Correos de León, o Goberno Civil de Tarragona, a central leiteira Clesa ou o ximnasio do Colexio Maravillas de Madrid.
A sala resérvalle un apartado especial ao Pavillón dos Deportes de Pontevedra e á Casa Domínguez na Caeira. Estes proxectos compleméntanse con material bibliográfico, maquetas, debuxos e mobles deseñados polo propio Alejandro de la Sota.
Juan de la Sota será o encargado de guiar catro visitas de excepción a esta mostra. Terán lugar os días 12 e 26 de abril, e 11 e 24 de maio. Estas catro visitas terán unha duración dunha hora e comezarán ás 19 horas. O resto das visitas guiadas, todos os sábados ás 18.00 horas, estarán organizadas polo equipo do gabinete didáctico do Museo.
Relacionadas:
-
Unha exposición na rúa para coñecer a Alejandro de la Sota e a súa arquitectura de "pasarlo bien"
Por Diego Espiño |
-
A gran exposición antolóxica sobre Alejandro de la Sota amosa material inédito sobre a súa etapa pontevedresa
Por Mónica Patxot & Redacción |
-
O arquitecto Alejandro de la Sota será homenaxeado no Teatro Principal o 14 de abril
Por Oskar Viéitez |
-
Alejandro de la Sota, Valle Inclán e Sileno, principais protagonistas das exposicións do Museo neste 2018