A webserie Peter Brandon, con guión do pontevedrés Oscar Cruz, premio Mestre Mateo
Por Alejandro Espiño
Peter Brandon, unha produción da compañía coruñesa Porco Bravú, é a webserie galega do ano. Así o determinou os XVI Premios Mestre Mateo, cuxa gala de entrega celebrouse onte á noite no Palacio da Ópera da Coruña.
A serie, que conta con guión do pontevedrés Óscar Cruz -presentador de La transición de PontevedraViva Radio-, foi elixida como mellor serie web do ano. Impúxose, entre outras, a unha segunda ficción con vínculos coa cidade de Pontevedra: Generación Wifi.
Foi nunha gala na que arrasou a película Dhogs, ópera prima de Andrés Goteira, que se converteu no filme máis premiado da historia destes premios do audiovisual galego ao levar trece premios Mestre Mateo.
Entre eles, Dhogs triunfou como a mellor longametraxe do ano, ao impoñerse a Os fillos do sol, Trinta Lumes e A estación violenta, película da directora pontevedresa Anxos Fazáns e producida por Matriuska Producciones.
A estación violenta optaba a oito premios Mestre Mateo pero, finalmente, non logrou ningún. Quedaron ás portas Nerea Barros e Alberto Rolán, nomeados como mellor actriz e mellor actor protagonista, respectivamente. Iván Castro e Melania Cruz foron os gañadores polo seu traballo na película Dhogs.
Tamén optaban a premio ao mellor guión -Ángel Santos, Xacobe Casas, Anxos Fazáns e Daniel Froiz-, á mellor dirección de fotografía -Alberte Branco-, á mellor montaxe -Diana Toucedo, Anxos Fazáns e Iria Silvosa-, ao mellor son -Xavi Souto- e á mellor dirección -Anxos Fazáns-.
O documental Castelao. De chumbo á verba, dirixido por Miguel López, era outro dos nomeados con acento pontevedrés e tampouco puido levar o premio. O triunfo nesta categoría foi para a ópera prima da directora Paula Cons, A batalla descoñecida.
A lista completa de premiados pódese consultar nesta ligazón.
Relacionadas:
-
'A arte de ser mal pai', escrita polo pontevedrés Óscar Cruz, premio Mellor Piloto no Festival Serielizados
Por Anxo Lourido |
-
"Pontevedra Rodando" achega o mundo audiovisual a cidadáns de todas as idades
Por David Arana & Mónica Patxot |
-
RADIO.- A transición: Un Mestre Mateo nas festas de Campolongo
Por Redacción |
-
RADIO.- ¡La transición desde as festas de Campolongo! (I)
Por Redacción |
-
A pontevedresa Marta Pazos dirixirá a gala dos premios Mestre Mateo do audiovisual galego
Por Redacción |
-
"A estación violenta", oito nominacións aos Premios Mestre Mateo 2018
Por Alejandro Espiño |
-
RADIO.- Óscar Cruz, creatividade pontevedresa premiada nos Mestre Mateo
Por Marisa Ciordia |