Anxo Guerra pertence a ese gran grupo dos tímidos fronte ao público. Aqueles que a pesar de ter que desenvolver unha actividade ante decenas, centenares ou miles de persoas recoñecen a súa introversión e retraemento. Anxo, Angel María segundo o seu DNI, reta á súa timidez nos escenarios, fronte a un micrófono e guitarra nas mans.
O mozo xa era de cantar, ante un auditorio iso si, tan limitado como a ducha. Pontevedrés de Marcón por parte de nai e ourensán por parte de pai, é un mozo apegado á cidade e aos seus. Tamén neste aspecto retouse pasando uns meses de prácticas en Dublín ou de Erasmus en Croacia, como recorda nesta Playlist dePontevedraViva Radio.
Foi un neno do Sagrado Corazón e comezou a estudar Telecomunicacións en Vigo, aínda que tras o segundo curso decidiu "baixarse" da carreira para facer un Ciclo Superior de Informática, logo tirou cara á Realización Audiovisual e completou - aínda que ten pendente o traballo de fin de grao - con Comunicación Audiovisual.
O seu primeiro traballo, nun supermercado, tiña un fin: unha Vespa. A súa primeira e única formación musical "empezou de forma natural": La Casa dos Ingleses. E a súa actual relación sentimental, coa concelleira nacionalista Anabel Gulías, tamén "empezou de forma natural". Como a súa traxectoria vital, vai fluíndo de forma natural.
Se se busca a definición gráfica de hipster e puidese saír a súa fotografía, Anxo Guerra non se sitúa en esa tendencia. Escoita e toca música indie, unha influencia que o mozo traspasou a Emilio e Isa, os seus pais e seguidores en primeira fila dos concertos de La Casa de los Ingleses. Quédame unha curiosidade, que cancións conteñen esas cassettes co nome de "Milu Radio".