Os Sete Falares volverán encher Pontevedra de historias
Por Alejandro Espiño
Os contadores de historias teñen, un ano máis unha cita imprescindible en Pontevedra. A cidade acollerá entre os días 8 e 11 de xuño a sexta edición do encontro internacional Sete Falares, no que participarán seis narradores de Galicia, Portugal e Uruguai.
Este programa cultural, organizado pola compañía Pavís Pavós co apoio do Concello de Pontevedra, busca divulgar a "importante" actividade artística de contar historias, "moi vinculada á tradición galega", e utilizar os espazos públicos do municipio como escenario destas actividades, destacou a concelleira de Dinamización Cultural, Carme da Silva.
Serán catro días nos que o público poderá gozar coas historias narradas polos galegos Celso Fernández Sanmartín e Bea Campos, os portugueses Carlos Marques e Cristina Taquelim ou a uruguaia Patricia McGill, xunto cos membros de Pavís Pavós.
Tareixa Alonso, membro da compañía, explicou que a inauguración terá lugar o 8 de xuño, ás oito da tarde, no adro da Peregrina. Alí, Celso Fernández Sanmartín, que xa participou na primeira edición de Sete Falares, representará historias ligadas á tradición galega e europea.
Sete Falares chega ademais con novidades como os dous cara a cara que celebrarán, o venres día 9, Cristina Taquelim e Patricia McGill por unha banda e Carlos Marques e Celso Fernández Sanmartín por outro, no Teatro Principal e nas ruínas de San Domingos, respectivamente.
Os catro protagonizarán tamén o roteiro nocturno, que nesta ocasión non se celebrará polas rúas de Pontevedra senón no Museo de Pontevedra. Será o sábado 10, a partir das dez de noite, e están deseñados para 60 persoas. As invitacións recolleranse, media hora antes, na porta do Sexto Edificio.
Haberá ademais sesións para toda a familia con Pavís Pavós (venres 9, ás 18.00 horas na Casa das Campás) e con Bea Campos (sábado 10, ás 12.00 horas nas ruínas de San Domingos), antes da clausura, que se celebrará o domingo 11 de xuño, ás nove da noite no Teatro Principal, e no que participarán todos os narradores.
Cada un deles, ademais, terá unha sesión exclusiva no CITA. Carlos Marques, Patricia McGill e Cristina Taquelim actuarán o sábado 10 ás 19.00 horas, o domingo 11 ás 12.00 horas e o domingo 11 ás 19.00 horas, respectivamente.
Todos as citas son gratuítas ata completar aforamento, salvo a clausura que ten un prezo de tres euros por persoa.