Sete Falares narra as súas primeiras historias aos pés da Peregrina
Por Redacción & Mónica Patxot
Que mellor que unha boa historia contada nun escenario emblemático. Así comezou a sétima edición do encontro internacional Sete Falares, que reúne en Pontevedra seis narradores de Galicia, Portugal e Uruguai durante os tres próximos días.
O atrio do santuario da Peregrina foi o lugar escollido pola compañía Pavís Pavós, organizadora deste certame, para unha inauguración que correu a cargo de Celso Fernández Sanmartín, que representou historias ligadas á tradición galega e europea.
Numerosas persoas achegáronse a esta primeira cita con Sete Falares que, este venres 9 de xuño, celebrará dous cara a cara entre a portuguesa Cristina Taquelim e a uruguaia Patricia McGill por unha banda e o portugués Carlos Marques e Celso Fernández Sanmartín por outro, no Teatro Principal (20.30) e nas ruínas de San Domingos (22.30), respectivamente.
Ademais, Pavís Pavós ofrecerá unha sesión de contos para o público familiar ás 18.00 horas na Casa das Campás.
Todas estas citas son de entrada libre.
Sete Falares continuará o sábado cunha sesión de Bea Campos (12.00 horas, ruínas de San Domingos) e cun roteiro nocturno, que nesta ocasión non se celebrará polas rúas de Pontevedra senón no Museo de Pontevedra a partir das dez de noite.
Cada un dos invitados, ademais, terá unha sesión exclusiva no CITA. Carlos Marques, Patricia McGill e Cristina Taquelim actuarán o sábado 10 ás 19.00 horas, o domingo 11 ás 12.00 horas e o domingo 11 ás 19.00 horas, respectivamente. Tras esta última cita celebrarase, ás nove da noite, a sesión de clausura con todos os narradores.