Os grupos de coral, os máis activos para participar no Pontegal
Por Redacción
A Xunta de Goberno aprobará o vindeiro venres o catálogo de grupos acollidos ao Pontegal 2017, o programa de axudas por parte da Deputación a grupos e artistas. Nesta ocasión apuntáronse 1.436 participantes, un centenar máis que no pasado exercicio.
A principal novidade na convocatoria atópase no apartado de Teatro. Diferenciáronse dúas categorías para compañías profesionais e unha terceira para grupos de teatro non profesionais. Incluíuse tamén unha categoría para bandas de jazz e para conferenciantes, á que se puideron apuntar persoas con titulación media e superior con publicacións.
O maior número de grupos inscritos son os de masas corais, que contabilizan un total de 188, a maioría cun mínimo de 50 membros. Despois sitúanse as compañías de teatro.
Todos os grupos, compañías e artistas deste programa terán a obrigación de realizar as actividades en lingua galega.