O PP propón que todas as axudas da Deputación a colectivos se publiquen xuntas a principios de ano
Por Oskar Viéitez
O grupo provincial do Partido Popular proporá no próximo pleno ao goberno bipartito da Deputación de Pontevedra que todas as axudas que a institución provincial destina aos colectivos da provincia se publiquen o mesmo día, preferiblemente, o primeiro día hábil do ano, co fin de facilitar a planificación das actividades e incluso garantir que o pago das axudas se realice o antes posible.
Os populares explican que, ata o ano 2015, as distintas convocatorias de subvencións para colectivos culturais, deportivos ou veciñais se publicaban no Boletín Oficial da Provincia do 2 de xaneiro, de tal xeito que se facilitaba a planificación das actividades, se garantía a máxima transparencia de todas as liñas de axudas, e se adiantaba tamén o pago das axudas.
Pero o ano pasado esta tendencia cambiou e as liñas de axuda foron publicándose ao longo do ano, unha decisión que está molestando aos colectivos da provincia, segundo puideron comprobar os populares en diferentes encontros organizados con estas asociacións.
Así, mentres os gobernos do PP publicaron en 2015, "de forma planificada e ordenada", ata once liñas de axudas diferentes o primeiro día hábil do ano, nos anos 2016 e nestes primeiros 20 días de 2017, só se publicaron as bases do Plan Pontegal e, o resto, foron anunciándose ao longo do ano "sen un calendario claro e definido", denuncian os populares.
Por iso, os populares piden que corrixan o "baile de datas" nas publicacións, e aposten "por un modelo máis organizado, previsor e que, de seguro, vai repercutir nun maior e mellor acceso ás axudas por parte de todos os colectivos da provincia".