O Museo visibiliza as artistas silenciadas no Día Internacional da Muller
Por Redacción
As artistas silenciadas serán as protagonistas das visitas guiadas que o Museo de Pontevedra celebrará no marco do Día Internacional da Muller.
Baixo a denominación "Ocultas trala representación: A imaxe da muller na arte", as visitas farán un percorrido polas diferentes representacións da muller na arte, concibido especificamente para chamar a atención sobre como a faceta creadora feminina foi moitas veces ignorada e silenciada.
Este itinerario, deseñado polo equipo do gabinete didáctico do Museo, amosará como a presenza da muller como musa constitúe unha das maiores constantes na historia da arte dende o seu comezo; mentres que, como creadora, foi continuamente infravalorada.
A visita propón unha reflexión sobre o papel da muller na historia, na arte e na vida, facendo un repaso polas condicións que marcaron a súa existencia, ausencia ou esquecemento, recordando non só ás artistas silenciadas polo paso do tempo, senón tamén a todas aquelas mulleres cuxas ás quedaron agochadas baixo a súa función de nai, esposa e filla.
Esta actividade terá lugar os días 8, 9 e 10 de marzo e dará comezo ás 18:00 horas. Para participar non é preciso inscribirse e a participación é aberta e gratuíta.
Complementando esta programación, o propio mércores día 8, ás 20:00 horas no Sexto Edificio, a conservadora Ángeles Tilve ofrecerá unha charla sobre "O traballo feminino a través da obra Las cigarreras, da autoría de Gonzalo Bilbao".
A elección desta obra corresponde a que representa o traballo das mulleres na fábrica de tabaco de Sevilla e a través do cadro analizarase toda a súa loita laboral, entre a que se conta a particularidade de que constituíron o primeiro sindicato feminino do Estado español.