O Crebanoces cobra vida co Russian Classical Ballet en Pontevedra
Por Redacción
O clásico do Nadal Crebanoces regresará a Pontevedra o próximo 8 de xaneiro, nesta ocasión, da man do Russian Classical Ballet. O espectáculo de ballet interpretarase na sede Afundación de Augusto González Besada ás 20.30 horas.
A función estará estruturada en dous actos e intervirán nos papeis protagonistas Evgeniya Bespalova, como Clara, e Denis Karakashev, como Príncipe Crebanoces. A peza ten música de Piotr Ilich Tchaikovsky e libreto de Marius Petipa e Vasili Vainonen.
As entradas xa están dispoñibles a través de Ataquilla.com ou no teléfono 902 504 500.
Baseado no conto O Crebanoces e o Rei dos Ratos de E.T.A. Hoffmann, conta a historia de Clara unha nena que soña cun príncipe, o Crebanoces. Nunha feroz loita contra o Rei dos Ratos, o Crebanoces atópase en grave perigo e Clara, vencendo os seus propios medos, entra neste enfrontamento e lanza o seu zapatiño aniquilando á terrible criatura e rompendo o feitizo. Nese momento, o Crebanoces transfórmase nun aposto príncipe.
A noite xeada cobre a cidade, caendo copos de neve mentres o Crebanoces leva a Clara ao seu reino, o Reino dos Doces, onde o Fada de Azucre comparte felicidade e lambetadas con todos os nenos que, como Clara, aínda teñen a capacidade de soñar.
Relacionadas:
-
'A bela dormente' do Russian Classical Ballet volve a Pontevedra
Por Redacción |
-
O clásico nunca pasa de moda: o ballet 'O lago dos cisnes' conquista Pontevedra
Por Mónica Patxot |
-
Afundación e o Russian Classical Ballet presentan 'O lago dos cisnes'
Por Redacción |
-
Ballet clásico e patinaxe sobre xeo nun inesperado 'O Crebanoces'
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |