O "Tartufo" de Moliere chega a Pontevedra adaptado polo Centro Dramático Galego
Por Redacción
Tartufo, o novo espectáculo do Centro Dramático Galego, chega a Pontevedra. O auditorio da sede Afundación na cidade do Lérez acollerá o venres 25 de novembro, a partir das oito e media da tarde, a representación desta obra, unha adaptación dunha peza de Molière.
O director valenciano Carles Alfaro púxose á fronte dun equipo galego para levar ás táboas esta versión da famosa comedia do autor francés.
O elenco componse de nomes xa indiscutibles da escena galega xunto a novos valores que están a iniciar a súa traxectoria nos escenarios como Casilda Alfaro, César Cambeiro, Antela Cid, Xoán Fórneas, Mónica García, Marta Lado, Roberto Leal, Rebeca Montero, Alejandro Saá e Patricia Torres.
Tartufo pon o foco sobre aquelas persoas que posúen a capacidade de detectar as debilidades e vulnerabilidades dos demais para empregalas no seu beneficio, pero tamén sobre aquelas que se deixan manipular de xeito máis ou menos consciente.
Trátase, segundo o seu director, dunha proposta lúdica e lúcida, que busca reflectir os claros e escuros da obra orixinal e ser fiel, así mesmo, á ollada tenra, crítica e burlesca, tamén cara a si mesmo, que caracteriza o conxunto da obra de Molière.
Nela, tanto Orgón, membro da alta burguesía parisiense, como a súa nai, a señora Pernela, atópanse baixo a influencia de Tartufo, un falso devoto que se erixe como director espiritual e que persegue, en realidade, quedar con todos os bens do seu protector.
Ao mesmo tempo, este impostor trata de casar con Mariana, a filla de Orgón, mentres seduce a súa segunda muller, Elmira. A trama vaise complicando progresivamente coas intervencións de Damis (filla de Orgón), Cleanta (filla de Elmira) e Valerio (amante de Mariana), que son puntualmente comentadas desde o acedo punto de vista da criada Dorina.
A través da obra, Molière brinda unha reflexión sobre o que pode chegar a suceder cando alguén se interpón entre o poder e quen o posúe, co fin de satisfacer os seus propios intereses. Fala do alcance das aparencias, da cegueira que provoca non querer ver, e de como as visións rematan por deformar a realidade.
As entradas están xa dispoñibles a través de www.ataquilla.com ou do teléfono 902 504 500.
Relacionadas:
-
Pontevedra goza co 'Tartufo' do Centro Dramático Galego
Por Redacción & Diego Torrado |
-
A surrealista comedia "Milagro en casa de los López", broche de ouro á tempada teatral de Afundación
Por Redacción & Diego Torrado |
-
'Pulgarcito' amosa paralelismos coa realidade actual ante os escolares
Por Mónica Patxot |