Chega Vertixe Sonora: un festival para cambiar as mentalidades de Cro-Magnon
Por Redacción
'Coma espellos dun calidoscopio' é o título que fai referencia á Grecia Antiga e que permitirá ver no Pazo da Cultura de Pontevedra o vindeiro xoves 13 de outubro un espectáculo con poesía e selección musical no que participarán a poeta María do Cebreiro e varias intérpretes como Ann Cleare, Anna Romashkova e Tania Lanfer. Esta proposta busca promover a creación feminina de música contemporánea, unha idea que marca o rumbo do Festival Vertixe Sonora, que se desenvolve entre o 13 de outubro e o 11 de decembro.
Este Festival permitirá que vexamos en Pontevedra a Tombeau et Double o venres 28 de outubro nun lugar por concretar pero que todo apunta, segundo a organización, ao instituto Vale Inclán; Voci Vicine o sábado 5 de novembro no Teatro Principal de Pontevedra e Entropías do Proxecto Ocnos na Casa das Campás o domingo 27 de novembro.
A estes concertos hai que sumar dous obradoiros na Facultade de Belas Artes, gratuítos e abertos a todas aquelas persoas interesadas para analizar a creatividade sonora con Michelle Agnes durante o 10 e 11 de outubro e con Eduardo Moguillansky, o mércores 2 e o xoves 3 de novembro.
Este venres presentábase o Festival Vertixe Sonora na Casa das Campás coa presenza da concelleira de Benestar Social, Carmen Fouces, a director da área de Extensión Cultural do Campus de Pontevedra, Manuel Morquecho e o director do Festival, Ramón Souto, que sinalou sobre a primeira das propostas 'Coma espellos dun caleidoscopio' búscase promocionar os traballos femininos, que moitas veces non chegan ao público, e axudar así a cambiar mentalidades de Cro-Magnon.