Pontevedra acollerá seis concertos do Festival Internacional de Creación Musical Contemporánea
Por Redacción
Este xoves presentouse a quinta edición do Festival de Creación Musical Contemporánea, que Vertixe Sonora promove xunto co proxecto de especialización do campus pontevedrés e que entre o 1 de outubro e o 25 de novembro proporá once concertos, dos que catro son estreas absolutas, en diferentes espazos das cidades de Pontevedra e Vigo.
O vicerreitor Juan Manuel Corbacho, o director artístico de Vertixe, Ramón Souto, e o profesor da Facultade de Belas Artes Ignacio Barcia presentaron no Marco de Vigo o programa desta "proposta de vangarda que nos achega desde diferentes prismas á música contemporánea", como salientou o vicerreitor, e que completa os concertos con encontros con compositores e obradoiros como os que acollerá Belas Artes.
Tras estender a súa programación, por primeira vez, a Pontevedra na pasada edición, este festival desenvolverá desta volta seis concertos na cidade.
O primeiro deles, E-Piano, a cargo de Alberto Rosado, terá lugar o 14 de outubro no Teatro Principal. O xoves 19, na súa primeira actuación en Galicia, a formación francesa Ensemble Sillages interpretará "Philae" na sala Nemonon, e ao día seguinte presentará "A batalla de Don Carnal e Dona Coresma" na sala de exposicións do Pazo da Cultura. Nese mesmo espazo, Vertixe Sonora estreará o 22 de outubro "Die Wanderung", seis pezas compostas pola premiada compositora Lula Romero, cuxo traballo se caracteriza por conectar o hoxe coas teorías e prácticas feministas.
Xa en novembro, o Sexto Edificio do Museo de Pontevedra acollerá o sábado 4 o concerto "Amygdala" de Defunensemble,, e o día 18 "(In)visible", dos suízos Tag Ensemble.
TRES COMPOSITORES EN BELAS ARTES
Ao abeiro deste festival e grazas á colaboración entre Vertixe Sonora e o grupo de investigación dx7, Belas Artes acolle desde este venres a segunda edición de Da arte sonora e da música contemporánea, ciclo que coordinan Barcia e Souto. Aberto a todas as persoas interesadas na creación sonora e con inscricións na secretaría do Decanato, o recoñecido músico e improvisador Dror Freiler será o encargado de poñerlle inicio este venres ás 13.00 horas cunha conferencia titulada O non ensino da composición ou o erro coma necesidade.
Xa en outubro, os días 19 e 20 desenvolverase o obradoiro Espazos compartidos: espazo, material e estrutura, no que Lula Romero presentará diferentes estratexias de traballo que exploran o fenómeno do espazo na creación sonora, postas en relación á súa vez co feminismo e cuestións de igualdade social. Xa por último, o xoves 26, o compositor e intérprete chipriota Thychonas Michailidis, da Southampton Solent University, imparte o seminario Sistemas interactivos para música, no que presenta diversos métodos e técnicas para a captura e manipulación de datos para procesos de transformación de audio.
Relacionadas:
-
O Festival Vertixe 2017 comeza este sábado no Teatro Principal
Por Redacción |
-
Música e caligrafía mestúranse en Santa María a través das notas do xaponés Hosokawa
Por Diego Torrado |
-
A capela do cemiterio de San Amaro acolle un concerto de Desjardins e Anzellotti
Por Redacción |
-
Chega Vertixe Sonora: un festival para cambiar as mentalidades de Cro-Magnon
Por Redacción |
-
A Facultade de Belas Artes acollerá a clausura do Ciclo do Audible
Por Redacción |
-
Volve a Pontevedra o ciclo Do Audible cun programa que mesturará música e astronomía
Por Redacción |