Elisa Matilla: "Gústame moito actuar en Pontevedra porque o público sempre responde moi ben"
Por Alejandro Espiño
Elisa Matilla (Sevilla, 1966) é, sen dúbida, unha das actrices máis recoñecidas do panorama español. Tras participar nalgunhas das películas de maior recadación do cinema patrio e protagonizar exitosas series de televisión, leva case unha década centrada no teatro. "Ás veces tivo prioridade sobre outros medios porque me apaixona. Estou namorada do teatro", recoñece nesta entrevista con PontevedraViva.
A actriz volve aos escenarios da cidade para representar a obra Gibraltareña, unha reflexión sobre a prostitución ambientada no Xibraltar dos anos setenta. Unha función "con moito humor negro", explica, a partir dun texto "marabilloso" de Juan Luís Iborra que poderemos gozar este xoves 6 de outubro, a partir das oito e media da tarde, no auditorio de Afundación de Pontevedra.
É a túa segunda visita a Pontevedra nos últimos meses. Actuaches nesta cidade recentemente coa obra Sofocos Plus, como foi entón?
Moi ben, o teatro estaba cheo. Eu creo que aquí hai moita tradición teatral porque cada vez que vin funcionou moi ben de público. Sempre digo, e non é porque vaia a volver agora, que o público do norte sempre responde moi ben. Son bastante extrovertidos á hora de manifestar se lle está gustando a función e iso agradécese.
Iso si, agora chegas cunha obra que tamén ten unha vis cómica pero moi diferente.
Si, é moi diferente. É unha función con moito humor negro. Fala de cousas que a todos nos poden chegar e emocionar a través da personalidade de Lola. Esa muller é unha sobrevivente que non queda ancorada en cada situación penosa que lle toca vivir. Tira para adiante cunha fortaleza e un sentido do humor marabilloso. É unha lección de vida.
Cal é o punto de partida de Gibraltareña?
A historia de Gibraltareña é a dunha muller que viviu os anos 70 nunha España pechada e nun lugar dividido por un enreixado que ao pecharse separou a moitas familias. É unha muller que viviu con moita dignidade da prostitución porque non quedaba outra, pero ela nunca conta iso. Sempre di que se dedicou a dar amor e se sente moi orgullosa diso.
Ao final acaba tamén por dedicarse ao contrabando, porque cando se pecha unha porta ábrese outra. E vai contando sobre todo anécdotas dunha vida que a todos nos poden resultar próxima. Faino dunha forma marabillosa grazas a un texto de Juan Luis Iborra que che traslada a todos eses sitios dos que fala Lola e que se rodea de moitos personaxes que aínda que non están en escena te chegan.
É un exemplo de como desde a amargura se pode ver o lado bo da vida, non?
Exactamente. É un código que me encanta porque é moi española esa capacidade de sacar punta á situación máis dramática. A traxicomedia é unha linguaxe moi nosa e fainos entender as funcións desde outro punto de vista. Podemos contar o mesmo nun drama, pero aquí velo cun sorriso na boca. Chegan as cousas doutra maneira.
"Podemos contar o mesmo nun drama, pero aquí velo cun sorriso na boca. Chegan as cousas doutra maneira"
E como foi preparar o personaxe de Lola, unha muller a priori tan afastada de ti?
Aínda que non teña nada que ver coa miña personalidade é un personaxe que vin. Eu crieime en Andalucía, coñezo a mulleres que tiñan esa fortaleza para sacar á súa familia adiante coa cabeza moi alta e loitar contra todo. Tíveno preto. E o texto é tan marabilloso e está tan ben escrito que evocas eses momentos coma se os estiveses vivindo.
O feito de estar ti soa encima do escenario é todo un reto.
A priori preocupábame iso, pero despois da estrea nunca máis sentín esa presión. Traballamos moito para que pareza que todos eses personaxes que aparecen estean comigo no escenario. É verdade que son só eu, pero non tiven a sensación de estar soa. A función dura hora e cuarto e dáme a sensación de que son só quince minutos. Iso pasa cando entras en comunicación cun personaxe que gozas e co público da sala.
Estás moi centrada no teatro. Sénteste cómoda sobre as táboas?
Moito. Xa pasaron dez anos desde que me puxen a producir teatro. Nunca deixei de facelo, é para o que eu estudei. A televisión e o cine tamén estiveron aí, pero na escola para o que a miña cabeza estaba a prepararse era para subirme a un escenario. Ás veces tivo prioridade sobre outros medios porque me apaixona. Estou namorada do teatro.
Pero o teu último traballo en televisión, Tierra de lobos, deixounos moi bo sabor de boca. Gustaríache repetir?
Por suposto. Non podo dicir que non me apeteza. Tamén me gusta moito facer televisión ou cine, xa que en cada un traballas algo diferente. Pero é verdade que o teatro me ten máis pillada. Pero vamos, eu encantada de traballar sexa onde sexa.