Concertos os domingos pola mañá, novidade do Ciclo de Outono da BMP
Por Alejandro Espiño
O Ciclo de Outono da Banda de Música de Pontevedra (BMP) chega cunha novidade destacada. Os seus concertos estrearán día. En lugar dos xoves pola noite serán os domingos pola mañá. Iso si, non cambia o seu escenario -o Teatro Principal- nin tampouco o feito de que serán recitais de entrada gratuíta.
Así o destacaron na súa presentación a concelleira de Cultura, Anxos Riveiro, a portavoz da BMP, Ana Franqueira, e o actual director da banda, Rafael Agulló.
A formación pontevedresa, que recoñece que cada ano manter o nivel deste ciclo é un "desafío maior", mantén ademais os obxectivos cos que se programa esta iniciativa cultural: apostar por concertos didácticos, conxugar a solistas internacionais con novas promesas e darlle a oportunidade a membros da BMP como solistas.
O ciclo comezará o domingo 9 de outubro, ás doce e media da mañá, cun Samaín musical, un concerto dedicado a sons celtas e que contará coa presenza de José Manuel López, coñecido musicalmente como Josele, como solista.
O 23 de outubro a BMP ofrecerá un concerto coa música de películas Disney e o 6 de novembro explorarán as influencias da música europea nos compositores americanos con América: Colonia de Europa e con David Fiuza, director da Armónica de Buñuel, como director invitado.
Xa o 20 de novembro será a quenda de Musicolandia: O país dos instrumentos, música e artes escénicas dedicadas aos máis pequenos; e o 4 de decembro o trombón de Nicolás Leiro soará como solista en Romanticismo Boreal, que ofrecerá un repertorio de música romántica creada en Escandinavia.
A última cita con este ciclo será a única que se manteña en xoves, ás nove da noite. Trátase de Antoloxía da Zarzuela, que traerá a Pontevedra o 22 de decembro á soprano Mariña Penas e o barítono Jacobo Rubianes. É, segundo Rafael Agulló, un programa que conta con moita demanda en Pontevedra.
Todos eles, destacou Anxos Riveiro, son "garantía" dunha gran calidade musical.