Catorce actuacións renderán homenaxe a John Balan no quinto festival Son de Marín
Por Redacción
Volve o festival Son de Marín. A vila acollerá este sábado 17 de setembro a quinta edición deste certame, concibido como unha homenaxe ao artista John Balan, natural de Seixo, aínda que moi coñecido a nivel de toda Galicia e mesmo internacionalmente.
Así, un total de catorce actuacións encherán de música as principais rúas e prazas de Marín.
O festival comezará ás 10.00 horas cun pasarrúas a cargo do grupo Os de Marín, e continuará coa seguinte orden: Os Saljariterios na Praza de Abastos (11.00), Primux en Doutor Touriño Gamallo (11.30), As Ferriñas (once pandereteiras e dúas gaitas) na Rúa do Sol (12.00), os acordeonistas Manolo e Ramón, acompañados da violinista Lía no Fondo do Saco (12.30), e pechando a xornada matinal estará o Trío Fuzzo Jazz na Alameda (13.30).
Esta última agrupación ofrecerá un concerto de máis dunha hora de duración coincidindo cun dos momentos de maior presenza de veciños e visitantes na Alameda. Trátase dunha das grandes apostas deste ano e agárdase que reúna a unha importante cantidade de público.
As actividades retomaranse pola tarde ás 18.00 horas no Parque Eguren coa degustación da torta de aniversario do Son de Marín, que cumpre cinco anos, momento no que se soprarán as velas e repartirase o doce, de xeito gratuíto, entre os asistentes, contando para elo coa actuación de As Chaneiras.
A continuación, o dúo Rosebub (violíns) fará a súa actuación na rúa Real (18.30), o espectáculo infantil Son-risas levarase a cabo na Alameda para os máis cativos e as familias (19.00) e Enrique Alvite, co seu destacado repertorio de temas inesquecibles, amosará a súa envexable voz en Méndez Núñez (19.30).
O acto de homenaxe a John Balan terá lugar ás 20.00 horas na Praza da Veiguiña, no que intervirá Xosé Vilas, veciño de Seixo e bo coñecedor do artista ao que se vai lembrar, sobre o que ofrecerá algúns datos da súa vida, de como se converteu no 'home orquestra', en actor e nunha persoa tan coñecida. A continuación, pechará a lembranza a actuación de Ricardo Parada, contra as 20.30 horas.
O Son de Marín rematará co concerto de Dani Royo&VersiónBand no Parque Eguren a partir das 23.00 horas, outra das grandes apostas da organización, xa que se trata dun artista consolidado, con moitos seguidores e que virá a Marín cunha banda propia do máximo nivel.
A organización do Son de Marín, na que participan Dibay Eventos e o Concello, agarda que a celebración do festival reúna a numeroso público en cada unha das actuacións, xa que a diferenza de horario permitirá que os interesados poidan asistir á maioría delas.