Caxade presenta "E isto é o Amor", o seu segundo disco, cun concerto na Sala Karma
Por Alejandro Espiño
Apenas dúas semanas despois de editar o seu segundo disco de estudo, Caxade actuará en Pontevedra. Será co seu primeiro concerto na Sala Karma, unha actuación que terá lugar este sábado 28 de maio, a partir das once da noite.
En E isto é o Amor (Discos da Máquina, 2016), Caxade continúa coa fórmula de A dança das moscas e o cuarteto mantén a súa aposta polos acordeóns e os metais como base para temas poéticos e reflexivos, aos que engaden sons electrónicos coa incorporación de sintetizadores e acordeóns MIDI e un maior peso das percusións nalgúns temas.
O disco foi gravado nos estudos A Ponte de Tomás Ageitos.
Caxade é o proxecto persoal de Alonso Caxade. Nel, preséntanos un folk-pop cun arrecendo a música minimalista e a sons bucólico-pastorís da vella Europa. Unha música elegante, modesta e sinxela que aposta por un surrealismo postmodernista e un discurso reivindicativo, metafórico e irónico.
As entradas para este concerto teñen un prezo de cinco euros.