Caxade fai 'brincar' aos pontevedreses no Teucro
Por Redacción & Diego Torrado
Cada vez que visitan Pontevedra deixan un concerto para o recordo e o deste sábado non foi unha excepción. Caxade puxo o broche de ouro á terceira edición do festival Brinca na Praza que, durante dous días, encheu de música galega a emblemática praza do Teucro, en pleno centro histórico pontevedrés e á que se achegaron centos de persoas.
A banda liderada por Alonso Caxade era o prato forte do festival e non defraudaron ás expectativas. No seu concerto presentaron o seu novo traballo discográfico, Discos da máquina, mostrando o seu inconfundible estilo a medio camiño entre a tradición galega e os sons de orixe balcánica.
Ademais, o público puido gozar da gran proposta que, sobre ese mesmo escenario, presentaron os pontevedreses Bagullas do Lérez, unha banda composta por músicos procedentes de grupos como The Grave Dolls, Tractor Troy ou Gold & Colt.
Ambos os dous concertos estiveron precedidos, na noite do venres, por unha primeira xornada de marcado carácter poético.
Foi cos concertos de Víctor Aneiros, que presentou o seu último disco, A soidade pide copas nos bares, e Narf, cuxa mestría co rock e o blues fixo as delicias do público, que gozou enormemente do seu espectáculo Cancións da língua viaxeira.