Máis de 400 bailadores participarán na 45 edición do Día da Muiñeira
Por Anxo Lourido
O Día da Muiñeira, organizado pola asociación Duos Pontes, chega neste 2016 ao seu 45 aniversario. Todo un acontecemento para este evento que se celebra na avenida Montero Ríos o próximo 3 de xuño. Varios integrantes da asociación folclórica co seu presidente Alfonso Frieiro presentaron este martes os actos que se van a desenvolver en relación con esta festa xa tradicional.
Este venres 27 de maio ás 20.30 horas, a Casa das Campás acollerá unha conferencia sobre o traxe popular no suroeste galego, a cargo de Francisco Rodríguez "Pancho" e a actuación das pandereteiras do grupo etnográfico das Mariñas de Ferrol.
A praza da Peregrina será o sábado 28 ás 11.30 horas o escenario da Palillada na que ofrecerán unha exhibición as integrantes do grupo que levan participado en diversos obradoiros de encaixe de bolillos baixo a tutela da profesora Esperanza Marín.
O mércores 1 de xuño, á mesma hora, presentarase o libro-cd sobre o gaiteiro de Campañó, Xoán Tilve. Trátase dunha serie de gravacións históricas de Filgueira Valverde, Xabier Groba e Óscar Ibáñez editadas por Ramón Pinheiro. Esta presentación contará cun concerto da banda Óscar Ibáñez Trío.
O día grande chegará o 3 de xuño co desfile de grupos desde a praza do Teucro ás 20.00 horas mentres na avenida de Montero Rios, o grupo etnográfico A Buxaina de Coruxo actuará iniciando o conxunto de bailes que se desenvolverán a partir das 20.30 polos máis de 17 grupos que se apuntaron ata o momento para participar neste evento. Asociacións de Cangas, Bueu, Cotobade, Meis, A Estrada, Moaña e Pontevedra xa se inscribiron e ata o vindeiro venres aínda poden anotarse todos aqueles colectivos que queiran mostrar os seus traxes e bailes.