O Día Internacional da Danza festéxase este sábado no Pazo da Cultura
Por Redacción
Escolas de danza de Pontevedra e outras do resto de Galicia, así como artistas freelance bailarán durante este sábado 21 no Pazo da Cultura dentro da xornada de Pontendanza, o proxecto que se celebra para festexar o Día Internacional da Danza 2016.
A choiva xa obrigara a aprazar para esta data esta celebración coa intención de poder desenvolver exhibicións na rúa. Con todo, as previsións de precipitacións durante o sábado obrigan a trasladar todas as actividades ao Pazo da Cultura.
Deborah Alfaya e Amélie Trotet presentaban este venres coa concelleira de Cultura, Anxos Riveiro, a programación para este sábado que contará cun obradoiro matinal, de 11.30 a 13.30 horas, de Danza Contemporánea a cargo de Armando Martén.
Pola tarde están previstos dous talleres, unha masterclass de zumba a partir das 19.00 horas, que está aberto a todo tipo de público interesado en dar os seus primeiros pasos no mundo da danza; e tamén levará a cabo un taller de Sexy Style a cargo da semifinalista de Fama, Eva Juan.
Ao mesmo tempo, o auditorio do Pazo da Cultura será o espazo para o desenvolvemento de tres funciones de danza a cargo das distintas escolas que participan neste encontro. Cada coreografía realizarase baseándose nunha frase de sobre a danza pronunciadas por bailarinas como Isadora Duncan ou Martha Graham. As actuacións serán ás 11.30, ás 17.00 e ás 19.00 horas.
Tanto os espectáculos como os obradoiros son gratuítos e non é necesario realizar unha inscrición previa.