O grupo xuvenil de Á procura do Tesouro representa a obra "Como a vida mesma"
Por Redacción
Este domingo 8 de maio ás 20.00 horas, o Teatro Principal de Pontevedra acolle a representación da obra "Coma a vida mesma", a cargo do grupo xuvenil de "Á procura do Tesouro".
Con esta función, Migallas Teatro finaliza dous dos seis obradoiros de Expresión dramática, plástica e musical, que desenvolveu a concellería de Cultura por décimoséptimo ano consecutivo. 190 menores, con idades comprendidas entre os 4 e os 16 anos, participaron neste proxecto.
Durante 22 sesións os escolares descubriron os seus recursos expresivos e desenvolveron as súas capacidades creativas mediante o xogo dramático. A obra que se representa co título de "Como a vida mesma" é unha creación colectiva do grupo de mozos de idades comprendidas entre os 13 e os 16 anos que aborda diferentes cuestións da vida cotiá. O público interactuará cos mozos integrantes da repartición.