'As novas Meninas' da Aula Municipal Infantil de Teatro exhíbense no Principal
Por Redacción
Numeroso público asistiu este domingo 29 ao Teatro Principal de Pontevedra para ver a representación da obra 'As novas Meninas', que levaron ao escenario os integrantes dun dos grupos da Aula Municipal Infantil de Teatro dentro do programa 'Á procura do Tesouro'.
Con esta función finaliza un dos seis obradoiros de Expresión Dramática Plástica e Musical que se desenvolveron a través da Concellería de Cultura por décimo sétimo ano consecutivo a través da coordinación do grupo Migallas Teatro. Participaron na actividade 190 escolares con idades comprendidas entre os 4 e os 16 anos.
Durante 22 sesións, estes novos intérpretes descubriron e fomentaron os seus recursos expresivos a través do xogo dramático. A obra representada forma parte dunha creación colectiva inspirada no famoso cadro de Velázquez.