"A nenez galega a través dos anteollos de Castelao"
Docentes do instituto buenense Illa de Ons coa colaboración do gabinete didáctico do Museo de Pontevedra presentaron o libro "A nenez galega a través dos anteollos de Castelao". Investigaron a partir de periódicos orixinais e descubriron que hai moitas imaxes de Castelao que só se publicaron en prensa pero non foron recollidas nas antoloxías de Galaxia e Akal, polo que son practicamente descoñecidas hoxe en día.
A través das imaxes, das novas ferramentas TIC’s e de moitas fontes bibliográficas os escolares terán que reconstruír como se concibía a infancia na Galicia dos anos XX, é unha proposta práctica que combina pequenos relatos e ilustracións feitas polo mestre xa xubilado Manuel Rodríguez. O deputado de cultura e concelleiro de Bueu, Xosé Leal, resaltou que esta proposta "é moi interesante e nela vese a ilusión dos autores", e que servirá para aprender máis sobre a figura de Castelao.
"A nenez galega a través dos anteollos de Castelao" está divido en seis capítulos. A primeiro fala sobre "A vida non fogar" e trata temas como a familia, a alimentación e o vestiario. O segundo está protagonizado por "A vida na escola" e versa sobre a lingua galega, a pedagoxía e o absentismo escolar. O terceiro, sobre "O tempo de traballar", estuda os traballos do fogar e os de fóra. "A Galiza de Afonsiño" é o cuarto capítulo e inclúe información sobre foros, o campo, a pesca, as conserveiras e a emigración. O quinto aborda "A evolución e as transformacións políticas". E, por último, o sexto capítulo toma o Museo de Pontevedra como tema principal, atendendo ao papel de Castelao como fundador desta institución e a circunstancia de que o museo é o que ten o maior depósito de obras deste autor.
A idea é, segun os autores ofrecer unha perspectiva das problemáticas da infancia daqueles anos: a atmosfera de violencia na escola, o problema do idioma, o forte absentismo escolar, a explotación infantil...
O libro, presentado este 29 de febreiro, é unha proposta participativa destinada a un uso pedagóxico a través da literatura galega, a filosofía, a ética ou as ciencias sociais e vai destinado ao alumnado desde 4º da ESO ata 2º de Bacharelato. Este evento enmárcase dentro do Ano Castelao, polo que a Deputación de Pontevedra distribuirá os exemplares desta edición por todos os centros educativos galegos.
Relacionadas:
-
VÍDEO.- Mannequin Challenge para presentar a Gala do Ano Castelao
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
O Museo de Pontevedra acolle o acto institucional do Día das Artes Galegas
Por Oskar Viéitez |
-
A Academia Galega de Belas Artes homenaxea a Castelao no Museo
Por Redacción |
-
O Concello súmase ao Día das Artes Galegas, adicado a Castelao
Por Oskar Viéitez |
-
O Museo acolle "Os vellos non deben de namorarse", unha superprodución de monicreques
Por Anxo Lourido |