O Museo acolle "Os vellos non deben de namorarse", unha superprodución de monicreques
Por Anxo Lourido
Fantoches Baj trasladará ao mundo dos monicreques a obra teatral de Alfonso R. Castelao, Os vellos non deben de namorarse, este venres 29 na estrea desta versión que se realizará no Sexto Edificio do Museo de Pontevedra con dúas sesións para escolares ás 10.00 e ás 12.00 horas.
O sábado 30, todo o público que se achegue ás 12.00 horas polo salón de actos do novo edificio do Museo poderá gozar, de maneira gratuíta, desta "superprodución de marionetas", como presenta o espectáculo o director Inacio Vilariño, a quen a exposición sobre a figura de Castelao no Museo realizada no 2000 deixoulle marcado.
O director do Museo, Carlos Valle, explicou na presentación desta montaxe este martes 26 en compañía do deputado de Cultura, Xosé Leal, como o representante de Fantoches Baj deixárao "abraiado" cando lle expuxo o seu proxecto para crear esta obra adaptándoa ao escenario do Sexto Edificio do Museo. Val só púxolle a condición de que se estrease nestas instalacións, onde se conservan os dous manuscritos desta obra.
Trátase da segunda vez que un espectáculo de monicreques en Galicia aborda un clásico do teatro, tras a montaxe de hai case 20 anos que ofrecía unha versión de O Mariscal de Ramón Cabanillas.
O deseño dos monicreques e a escenografía segue con detalle os traballos realizados no seu día polo propio Castelao para a súa estrea. A montaxe de Fantoches Baj representarase tamén o sábado, durante a tarde, en Rianxo.
Xosé Leal anunciou que esta será a primeira das obras que, a través da Deputación, desenvolveranse durante este Ano Castelao sobre a figura do galeguista.
Relacionadas:
-
"A nenez galega a través dos anteollos de Castelao"
Por Elena Álvarez Quintá |
-
Case 5.000 visitas ao Museo de Pontevedra no mes de xaneiro
Por Elena Álvarez Quintá |
-
O Concello súmase ao Día das Artes Galegas, adicado a Castelao
Por Oskar Viéitez |
-
O Museo, primeiro lugar onde se exporán xuntas todas as obras de gran formato de Castelao
Por Natalia Puga |
-
Estampas descoñecidas de Castelao poden gozarse nun traballo da Deputación
Por Redacción |
-
A exposición 'Somos espazo' e unha unidade didáctica sobre Castelao, propostas da Deputación para Culturgal
Por Redacción |