Xoel López, profeta na súa terra: o Pazo da Cultura vibra cun concerto 'imperdible'
Advertía, na súa entrevista previa con PontevedraViva, que o seu concerto no Pazo da Cultura de Pontevedra ía merecer moito a pena e recomendaba aos seus seguidores que aproveitasen esta oportunidade. E Xoel López cumpriu con fartura o prometido. O artista coruñés puxo o broche de ouro á segunda edición do ciclo Imperdibles e fíxoo cunha actuación soberbia que encandeou ao público pontevedrés.
Certo é que xogaba en casa. Tocar na súa terra, en Galicia, parece que a Xoel López dálle un plus máis de enerxía e demostrouno sobre o escenario do Pazo. Iso si, ante un patio de butacas completamente entregado desde que soaron os primeiros acordes de Here comes the sun, a canción de The Beatles que sonou xusto antes de que, acompañado de toda a súa banda, o ex líder de Deluxe saíse a escena.
Cun "boas noites" comezaba un concerto no que, con Patagonia, Xoel López fixo un repaso aos temas de Paramales, o seu novo disco. Un traballo que, como o mesmo explicou, "tiene algo" da etapa vital que plasmou no seu primeiro disco en solitario, Atlántico, pero no que recupera sons que deixara atrás. Todo un "laberinto de emociones", explicou tras tocar Hombre de ninguna parte e antes de interpretar Laberinto.
Un Xoel que foi compartindo co público moitas experiencias e anécdotas da súa mocidade e, sobre todo, da súa etapa en Latinoamérica, foi alternando temas dos seus dous últimos discos e así foron soando, entre outras, Por el viejo barrio, Almas del norte, Caballero, Buenos Aires, Un año más, Caracoles y A serea e o mariñeiro, a canción en galego que incluíu en Paramales e que, antes de tocar, celebrou que "aquí no tengo que explicarla".
Pero foi, sen dúbida, con Tierra cando o concerto entrou nunha fase de continua conexión entre o coruñés e a súa audiencia. Todo un himno que se converteu nunha das cancións máis coreadas en todas as súas actuacións e en Pontevedra non foi unha excepción. E tras ela, chegou Reconstrucción, unha das dúas cancións de Deluxe que incluíu Xoel López no repertorio da noite e que fixo levantar ao público dos seus asentos.
Outros catro temas, Antídoto, El asaltante de estaciones, Ningún hombre ningún lugar y Yo solo quería que me llevaras a bailar, soaron antes de que Xoel López tomara un respiro. Pero tras regresar ao escenario xa non houbo descanso algún. Con Historia universal chegou o delirio ao Pazo da Cultura. Esta canción da súa etapa como Deluxe abriu a recta final do concerto que se pechou con Todo lo que merezcas y De piedra y arena mojadas.
Todo iso cun Xoel desatado sobre o escenario e a súa excepcional banda -formada por Lola García Garrido, Charlie Bautista, Miguel Rivera, Andrés Litwing e Iván González "Chapo"- demostrando unha calidade musical ao alcance de moi poucos neste país e cos que este artista coruñés logra trasladar todos os arranxos dos seus discos aos seus directos, convertendo as súas actuacións nun espectáculo excepcional.
HELENA GOCH ABRIU A NOITE EN PONTEVEDRA
A encargada de dar comezo á velada foi a valenciana Helena Goch, que namorou aos pontevedreses coa súa candidez e unha voz única. Presentou en directo os temas do seu primeiro disco, Little tiny blue men, e animada porque, como ela mesma sinalou, o Pazo da Cultura era un sitio "tan bonito y tan grande" presentou mesmo cancións inéditas e unha versión de (Sittin' On) The Dock Of The Bay de Ottis Redding, á que o público acompañou -a petición súa- cos seus asubíos "porque yo no sé hacerlo".
Relacionadas:
-
Xoel López volve a Sala Karma para presentar "Sueños y Pan"
Por Alejandro Espiño |
-
O tirón de Xoel López volve encher a praza de España
Por Diego Torrado |
-
Sesión extra de 'Imperdibles': Nada Surf actuará en Pontevedra o venres 29 de abril
Por Alejandro Espiño |
-
Xoel López: "Paramales recupera cousas que deixara atrás. Non teño necesidade de diferenciarme tanto de Deluxe"
Por Alejandro Espiño |
-
Xoel López completa o ciclo Imperdibles: actuará no Pazo da Cultura o 11 de decembro
Por Alejandro Espiño |