A legalización de actividades musicais no Liceo Mutante, en punto morto
Por Redacción
A obtención de licenza para a organización de actividades musicais no Liceo Mutante atópase nunha situación de "punto morto", de maneira que a asociación cultural que autoxestiona este local solicita maior premura e implicación do Concello de Pontevedra para poder realizar as actividades que organizaban antes de que o 14 de decembro a Policía Local acudira ás instalacións para evitar que seguisen a operar sen os correspondentes permisos.
A asociación pide "que se lle permita continuar prestando o mesmo servizo que durante un ano e medio lle leva ofrecendo á cidadanía da nosa vila, un servicio cultural demandado pola sociedade polas carencias que a este respecto presenta o noso Concello, e que nós estabamos a desenvolver de xeito desinteresado, sen custe algún para as arcas municipais".
A asociación do Liceo Mutante indica que se atopa nunha "situación irregular a cal lle impide a realización de eventos musicais nas instalacións do seu local social da rúa Rosalía de Castro, 100" e que a asamblea de socios decidiu suspender a actividade musical programada para decembro (cando se realizou a actuación policial) e as posteriores "ata ter solucionado devandito problema coas autoridades".
Os responsables califican de "desproporcionada" a actuación da Policía Local "presentando a 10 axentes para facer cumplir esa orde de cese na acticvidade musical" e pediron reunións para amañar a situación co alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores; e os concelleiros de Urbanismo, Cultura e Xuventude Antón Louro, Anxos Riveiro e Demetrio Gómez.
No encontro con Anxos Riveiro e Demetrio Gómez, "tiña coma finalidade atopar unha solución viable para continuar coa nosa programación musical sen perxuizo de ninguén buscando espazos alternativos para a realización dos mesmos namentras o noso local social siga á marxe da legalidade, e ademáis a consecución dalgún tipo de axuda para a realización da conseguinte reforma".
Os responsables do Liceo Mutante indican que "aínda que a disposición parece boa, non podemos máis que inquietarnos ante a lentitude do proceso e a falta de implicación por parte dos políticos da nosa vila á hora de resolver este conflicto". Aseguran que están "cargados de boas intencións nas palabras, pero cunha falta de acción desesperante".
"Seguiremos loitando para que non nos quiten este dereito. Unha gran maioría de nós estamos en situación de desemprego, sen oportunidades nin futuro e non imos permitir que nos arrinquen un dos poucos motivos que nos quedan para non marchar da nosa cidade", aseguran.